Exposición 'Elas sempre están'

  • Exposición 'Elas sempre están'
  • Exposición 'Elas sempre están'
  • Exposición 'Elas sempre están'
  • Exposición 'Elas sempre están'
  • Exposición 'Elas sempre están'
  • Exposición 'Elas sempre están'
  • Exposición 'Elas sempre están'
28/04/2010

Con este título damos nome a unha mostra de quince fotografías e unha poesía, que pretenden plasmar a realidade das mulleres do medio rural galego no século XXI. Esta exposición está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade.



Despois de cinco anos residindo en Galicia, a fotógrafa italiana Elisa Gianni (Prato, Toscana, 1973), sinte a necesidade captar coa súa cámara a esencia da nosa terra, e ¿que mellor temática que as mulleres do rural?. Do seu obxectivo xorden quince retratos, mulleres en diversas paisaxes e situacións da vida cotiá, naturais, sen artificios; e unhas mans, que evocan as mans do pasado e do presente, que traballaron arreo e que contribuíron e contribúen ao sustento de Galicia.

Do lapis da poetisa galega Lucía Aldao (A Coruña, 1980) afloran verbas doces e cheas de forza, conformando un poema que deixa ver a tenrura e a admiración, que sinte por todas estas mulleres anónimas, aínda que con nome propio, que ben poderían ser a súa nai, a súa avoa, a súa tía…ou as de todas e todos nós.

A poética da imaxe e da palabra únense nesta mostra para facer visible, desde o máximo respecto, a grande valía das mulleres do rural galego. Mulleres que seguen a facer labores consideradas propias da súa condición feminina desde tempos antigos, pero tamén mulleres abertas, que saben adaptarse aos novos tempos que corren e asumen a súa vez, sen medo nin complexos, roles tradicionalmente masculinos.

A través destas dúas disciplinas artísticas, queremos achegar unha descrición clara e diáfana do papel que veñen desenvolvendo as mulleres no día a día da nosa comunidade. Todas as persoas que teñan a oportunidade de achegarse a ela, verán con claridade anacos da realidade cotiá de Galicia


Poema da exposición

Que as túas mans habían ser os teus ollos
é algo que sabe a terra bastante mellor ca min,
que foi con elas con quen criaches fillos e cortaches leña,
pequena haiku que concentras a verdade sobre as estacións,
sobre o día a día que protagonizas inmensa…
(non hai imaxe que te conteña). O tesouro da túa memoria salvaranos da fame
sempre,
e non saber de ti será morrer un pouco,
ignorar que detiveches o inverno a golpe de lareira,
cen mil ferrados de sabas que lavaches e de bocas ás que diches calma.

E ladraches. E sorriches.
E non posaches para esta foto, simplemente
viviches.

Lucía Aldao

As mulleres no medio rural

En 1995, durante a IV Conferencia das Mulleres organizada en Beijing polas Nacións Unidas, un grupo de organizacións internacionais como a FIPA (Federación Internacional de Produtores Agrícolas) e a FCMM (Fundación Clima Mundial da Muller) decidiron instaurar o 15 de outubro domo Día Internacional da Muller Rural.

As mulleres do medio rural son unha peza esencial no motor da economía de rexións como é a nosa; aínda que tradicionalmente o seu traballo fora ententdido coma un simple complemento do traballo masculino. Estas mulleres levan séculos contribuíndo ao desenvolvemento de Galicia, sendo portadoras de un significativo coñecemento sobre o medio rural. O seu papel é chave para a transmisión dos saberes, así como tamén na motivación da mocidade para que continúe o seu labor.

A progresiva transformación do papel das mulleres no rural, convertidas agora en suxeitos do cambio que se está a producir, debe continuar promovendo a visibilización do seu traballo co obxecto de acabar con séculos de desigualdade. Desde a Xunta de Galicia quérese homenaxear ás mulleres do rural neste día, recoñecendo a súa maior aportación na modernización e revitalización do medio rural, o seu papel esencial na incorporación das prácticas responsables co medio ambiente e na creación de novas oportunidades de desenvolvemento económico e social.