Exposición 'Elas ensinan'

  • Exposición 'Elas ensinan'
  • Exposición 'Elas ensinan'
  • Exposición 'Elas ensinan'
  • Exposición 'Elas ensinan'
  • Exposición 'Elas ensinan'
28/04/2010

A exposición Elas ensinan é unha homenaxe ás mulleres educadoras, pedagogas e mestras, como pioneiras da incorporación das mulleres ao mercado laboral.

A mostra recolle as historias de vida de dezaoito mestras galegas que compartiron o interese pola educación das xeracións máis novas, ás que serviron de modelo profesional e vital. Pero a mostra tamén apela ás lembranzas, aos sentimentos desa etapa na que se forxa a personalidade, na que se aprende todo o que as mestras nos transmiten, ciencias, letras, música, arte... na procura dunha formación humanista e integral.

Unha homenaxe ás educadoras e pedagogas que lle impuxeron as condicións sociais, económicas, xeográficas e históricas de Galicia entre finais do XIX e o XX. Unha etapa que reflicte a longa dedicación histórica das mulleres ao campo do ensino, especialmente no eido das primeiras letras, o ensino infantil e o primario, para paulatinamente irse achegando aos demais niveis educativos ata acadar a situación de feminización docente que se está a vivir na actualidade. Mulleres innovadoras e decididas, sempre na procura de novos métodos pedagóxicos para mellorar a educación do seu alumnado por difícil que fose a situación e as características particulares de cada grupo, proporcionando a cerna para unha participación feminina máis ampla na educación superior e no mercado laboral. Un panel transformador da sociedade, a través da transmisión do coñecemento e da profunda pegada do seu traballo en todos e todas nós.

Percorrido por Galicia

A exposición está composta por paneis sobre a vida e o traballo das dezaoito mestras galegas seleccionadas para esta mostra e complétase co acceso a unha base de datos onde se recollen as biografías de moitas mulleres mestras, co obxectivo de que as persoas interesadas poidan acceder á información sobre unha persoa en concreto ou mesmo sobre as mestras que desenvolveron a súa actividade nun concello determinado.

Elas ensinan puido visitarse ao longo de 2011, nos seguintes concellos:

  • Porto do son, do 1 ao 15 de febreiro
  • Lousame, do 16 ao 28 de febreiro
  • Pobra de Trives, do 2 ao 14 de marzo
  • Caldas de Reis, do 16 ao 30 de marzo
  • A Pontenova, do 1 ao 14 de abril
  • Ponte Caldelas, do 16 ao 30 de abril
  • Viana do Bolo, do 2 ao 16 de maio
  • Cualedro, do 18 ao 31 de maio
  • Maside, do 2 ao 14 de xuño
  • Ordes, do 16 ao 30 de xuño
  • A Bola, do 1 ao 14 de xullo
  • Brión, do 16 ao 31 de xullo
  • Castrelo de Miño, do 2 ao 15 de agosto
  • Boborás, do 16 ao 31 de agosto
  • Monfero, do 2 ao 15 de setembro
  • Cambre, do 16 ao 29 de setembro
  • Sandiás, do 1 ao 14 de outubro
  • Poio, do 16 ao 30 de outubro
  • Baiona, do 1 ao 14 de novembro
  • Xove, do 16 ao 30 de novembro
  • A Veiga, do 2 ao 15 de decembro
  • Viveiro, do 17 ao 31 de decembro
Colectivo: