A exposición 'Elas sempre están' chega a Outes

O concello de Outes acolle, do 17 ao 30 de novembro, esta mostra de quince fotografías e unha poesía que pretenden plasmar a realidade das mulleres do medio rural galego no século XXI. Esta exposición está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade.

Despois de cinco anos residindo en Galicia, a fotógrafa italiana Elisa Gianni (Prato, Toscana, 1973), sente a necesidade captar coa súa cámara a esencia da nosa terra, e que mellor temática que as mulleres do rural? Do seu obxectivo xorden quince retratos, mulleres en diversas paisaxes e situacións da vida cotiá, naturais, sen artificios; e unhas mans, que evocan as mans do pasado e do presente, que traballaron arreo e que contribuíron e contribúen ao sustento de Galicia.

Do lapis da poetisa galega Lucía Aldao (A Coruña, 1980) afloran verbas doces e cheas de forza, conformando un poema que deixa ver a tenrura e a admiración, que sinte por todas estas mulleres anónimas, aínda que con nome propio, que ben poderían ser a súa nai, a súa avoa, a súa tía…ou as de todas e todos nós.