A exposición 'Elas ensinan' pode verse estes días en Moaña

O concello pontevedrés de Moaña acolle, do 1 ao 14 de outubro, a exposición 'Elas ensinan', unha homenaxe da Secretaría Xeral da Igualdade ás mulleres educadoras, pedagogas, ás mestras, como pioneiras da incorporación das mulleres ao mercado laboral. Mos será o seguinte concello onde se exporá a mostra.

Esta mostra recolle as historias de vida de dezaoito mestras galegas que compartiron o interese pola educación das xeracións máis novas, ás que serviron de modelo profesional e vital. Pero a mostra tamén apela ás lembranzas, aos sentimentos desa etapa na que se forxa a personalidade, na que se aprende todo o que as mestras nos transmiten, ciencias, letras, música, arte... na procura dunha formación humanista e integral.

Unha homenaxe ás educadoras e pedagogas que lle impuxeron as condicións sociais, económicas, xeográficas e históricas de Galicia entre finais do XIX e o XX. Unha etapa que reflicte a longa dedicación histórica das mulleres ao campo do ensino, especialmente no eido das primeiras letras, o ensino infantil e o primario, para paulatinamente irse achegando aos demais niveis educativos ata acadar a situación de feminización docente que se está a vivir na actualidade. Mulleres innovadoras e decididas, sempre na procura de novos métodos pedagóxicos para mellorar a educación do seu alumnado por difícil que fose a situación e as características particulares de cada grupo, proporcionando a cerna para unha participación feminina máis ampla na educación superior e no mercado laboral. Un panel transformador da sociedade, a través da transmisión do coñecemento e da profunda pegada do seu traballo en todos e todas nós.