Trata e prostitución

A Trata de Seres Humanos constitúe unha das máis alarmantes formas de redución do ser humano a simple mercancía e representa, por elo, unha violación grave dos dereitos humanos.

Por "trata de persoas" entenderase a captación, o transporte, o traslado, a acollida ou a recepción de persoas, recorrendo á ameaza ou o uso da forza ou outras formas de coacción, o rapto, o fraude, o engano, o abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou a concesión ou recepción de pagos ou beneficios para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra, con fins de explotación. Esa explotación incluirá, como mínimo, a prostitución allea ou outras formas de explotación sexual, os traballos ou servizos forzados, a escravitude ou as prácticas análogas á escravitude, a servidume ou a extracción de órganos.

A Trata de Seres Humanos con fins de explotación sexual, especialmente de mulleres e de nenas, as súas principais vítimas, é unha manifestación máis da situación de desigualdade e de indefensión  na que se atopan as mulleres en moitos lugares do mundo e constitúe unha clara expresión da violencia exercida contra a muller.

Trata con fins de explotación sexual

A Trata de Seres Humanos constitúe unha das máis alarmantes formas de redución do ser humano a simple mercancía e representa, por elo, unha violación grave dos dereitos humanos.

Por "trata de persoas" entenderase a captación, o transporte, o traslado, a acollida ou a recepción de persoas, recorrendo á ameaza ou o uso da forza ou outras formas de coacción, o rapto, o fraude, o engano, o abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou a concesión ou recepción de pagos ou beneficios para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra, con fins de explotación. Esa explotación incluirá, como mínimo, a prostitución allea ou outras formas de explotación sexual, os traballos ou servizos forzados, a escravitude ou as prácticas análogas á escravitude, a servidume ou a extracción de órganos.

(ONU: Protocolo para previr, reprimir e sancionar a trata de persoas, especialmente mulleres e nenos, que complementa a Convención das Nacións Unidas contra a Delincuencia Organizada Transnacional).

A Trata de Seres Humanos con fins de explotación sexual, especialmente de mulleres e de nenas, as súas principais vítimas, é unha manifestación máis da situación de desigualdade e de indefensión  na que se atopan as mulleres en moitos lugares do mundo e constitúe unha clara expresión da violencia exercida contra a muller.

Prostitución, turismo sexual, compra de noivas por correspondencia e matrimonios servís forman parte do catálogo deste negocio.

O tráfico con fins de explotación sexual é un fenómeno que presenta facetas múltiples e carece de uniformidade. Preséntanse moitas variables: o número de persoas que interveñen, tipo de traficantes, , vítimas, "clientes", "consumidores" ou protituidores, así como o grado de organización en que se basea e a súa importancia -segundo que o tráfico permaneza dentro das fronteiras nacionais ou se estenda a diferentes Estados, ou incluso continentes.

Antecedentes históricos

O fenómeno de tráfico non é algo novo, simplemente, ao igual que outras formas de violencia cara a muller, permaneceu oculto, invisible camuflándose a verdadeira dimensión dunha problemática que era coñecida moi superficialmente e incluso tolerada socialmente.

Ao longo do tempo, cara finais do século XIX e comezos do XX, estaba organizada a emigración, a gran escala, de mulleres europeas ao continente americano e ao norte de África, ao igual que o tráfico de mulleres cara Europa. Para poñer fin ao que se coñecía comunmente como "trata de brancas" celebráronse en París dúas conferencias, en 1902 e 1910.  Este traballo culminou coa sinatura da "Convención Internacional para a Supresión da Trata de Brancas" (París, 4 de maio de 1910), complementada máis tarde pola "Convención Internacional para a Supresión do Tráfico de Mulleres e  Nenos" (30 de setembro de 1921) e a  "Convención Internacional para a Supresión do Tráfico de Mulleres Maiores de Idade" (Xenebra, 11 de outubro de 1933). A Convención para a Supresión do Tráfico de Persoas e a explotación da Prostitución de Outros (Nova York, 2 de decembro de 1949) cancelou e substituíu, en parte, ás disposicións dos instrumentos internacionais anteriores.

Tratouse, en primeiro lugar, da "trata de brancas", máis tarde do tráfico do Sur ao Norte e, na actualidade existe o tráfico de seres humanos dende as rexións máis desfavorecidas cara as rexións máis prósperas.

Fonte: Recomendación Nº R (2000) 11 del Comité de Ministros sobre as Medidas contra o Tráfico de Seres Humanos con fins de Explotación Sexual e Memorándum Explicativo, 19 Maio 2000.

Actualidade

A trata constitúe un problema e escala internacional; é un crime complexo xa que participa dunha trama  configurada por diversas modalidades delitivas conexas: ameazas, intimidacións, coaccións, lesións, agresións sexuais, falsificación de documentos, delitos fiscais, branqueo de capital así como polas súas estreitas relacións co crime organizado.

Se ben a trata con fins de explotación sexual non é un fenómeno novo, percíbese un importante incremento grazas a aspectos tales como: maior globalización económica, incremento dos fluxos migratorios, desenvolvemento dos medios de comunicación.

A crecente desigualdade entre países, a pobreza e a feminización da pobreza, a discriminación contra as mulleres, o desemprego, a división sexual do traballo, a falla de educación e a imposibilidade de acceder aos recursos nos mesmos termos que o resto da poboación serve de caldo de cultivo aos intereses dun amplo mercado somerxido que comercia con seres humanos e que xera importantes beneficios económicos, cun risco relativamente menor comparado con outras actividades criminais como o tráfico de drogas ou armas.

Segundo a Organización Internacional do Traballo, a trata afecta cada ano a unhas 2.500.000 persoas, especialmente a mulleres e nenas. A trata está considerada como un negocio transnacional que xera uns 7.000 millóns de dólares anuais, situándose no terceiro lugar entre os negocios ilícitos máis lucrativos, despois do tráfico de drogas e de armas.

En Galicia non hai datos definitivos, pero calcúlase que un 90% das mulleres prostituídas son inmigrantes, a maioría das cales están en situación administrativa irregular. Proceden principalmente de América Latina, Europa Oriental e África.

As redes de tráfico

Cando non pode satisfacerse legalmente o desexo de emigrar, as persoas que necesitan facelo acoden a persoas intermediarias que, con frecuencia, forman parte de grandes redes criminais organizadas caracterizadas por unha estrutura xerárquica internacional con contactos a todos os niveis, tanto nos países de orixe como nos países de destino. 

Ás vítimas "recrutadas" prométenselle elevados ingresos traballando como camareiras, bailarinas, "azafatas" ou mesmamente prostitutas. Noutros casos, motívanse coa promesa de obter un bo posto de traballo, sen facer alusión algunha á prostitución.

Moitas das vítimas pasan por varios intermediarios, incluso por varios países, antes de chegar a seu punto de destino sen ter idea do lugar no que se encontran ou o que son levadas. Á súa chegada adoitan  retirarlle o pasaporte.

As organizacións de tamaño medio difiren das grandes organizacións, basicamente porque non venden as vítimas a outros grupos, senón que as manteñen baixo o seu control, colocándoas nos seu clubs e bordeis. As vítimas están suxeitas a unha estreita vixilancia, son obrigadas a asinar o recoñecemento de débedas (solicitude de préstamos moi elevados antes de abandonar o país de orixe) e esíxeselles que entreguen unha elevada proporción das súas ganancias como prostitutas en concepto de uso de habitacións e outros servizos. As presións exercidas son a miúdo moi fortes: secuestro, golpes, violacións, consumo de drogas, infra-alimentación e castigos se non se ateñen ás normas da organización.

As organizacións pequenas baséanse na demanda de clubs e outros establecementos deste tipo. 

Como combatela

Non se pode desvincular o fenómeno da trata do fenómeno da prostitución; non obstante o carácter que podía ter a prostitución tradicional foi substituído por unha realidade máis complexa caracterizada polo deterioro do trato que reciben as mulleres obxecto da trata e que bordea a escravitude como consecuencia desta situación.

Esta tendencia non sería posible sen o desenvolvemento de redes específicas no campo da explotación sexual, que se apoian na demanda. Os clientes son os auténticos piares que sosteñen este sistema da prostitución e que xeralmente permanecen no anonimato, excepto no caso de violacións ou abusos sexuais perpetrados sobre menores.

Loitar contra as dimensións actuais da trata só pode combaterse a partir dun enfoque  multidisciplinar e coordinado por  parte dos países de orixe, tránsito e destino que inclúan medidas enfocadas á prevención, perseguir e sancionar firmemente ás redes de tráfico internacionais para impedir a súa lucrativa actividade, protexer ás vítimas amparando os seus dereitos humanos internacionalmente recoñecidos (protexer a súa privacidade e identidade; seguridade física; información; asesoramento; aloxamento; asistencia médica, psicolóxica e material; oportunidades de emprego, educación, capacitación); e tendo en conta que, se ben existe unha grande variedade de instrumentos xurídicos internacionais que conteñen normas e medidas prácticas para combater a explotación das persoas, especialmente de mulleres e menores, non hai ningún instrumento universal que aborde todos os aspectos da trata de persoas.

Vivendas de seguridade para vítimas de explotación sexual e trata

A Secretaría Xeral da Igualdade é o departamento da administración autonómica ao que lle corresponden, entre outras, competencias relativas á xestión das políticas autonómicas en materia de igualdade de xénero, loita contra a discriminación por razón de sexo, igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero.

O artigo 29.3 de Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes recolle a obriga da Xunta de Galicia na loita contra o tráfico de mulleres, nenas e nenos que teñan como finalidade fundamental a súa explotación sexual no territorio da nosa comunidade autónoma, establecendo que esa loita deberá realizarse a través dunha intervención integral que permita a prevención, detección, atención e, se é o caso, integración das mulleres vítimas do tráfico de explotación sexual.

Por outra banda, o artigo 47.1 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero establece que os centros e servizos que conforman os recursos de asistencia integral ás mulleres que sofren violencia de xénero teñen como finalidade básica achegarlles axuda e asistencia directa ás mulleres e ás persoas delas dependentes, e apoialas na procura de solucións dos conflitos que derivan da violencia.

Dende a ratificación por España do Convenio do Consello de Europa sobre a loita contra a trata de seres humanos e en relación coa expedición dun permiso de residencia a nacionais de terceiros países que sexan vítimas, prexudicadas ou testemuñas na trata de seres humanos, que poidan cooperar ou colaborar coas autoridades competentes, recóllese a obriga de prestarlles unha atención integral, recoñecéndoselles un período de reflexión establecido en 30 días e durante o que terán garantida a subsistencia, asistencia social e xurídica.

Froito de senllos convenios de colaboración asinados en 2009 entre a Secretaría Xeral da Igualdade e dúas entidades de iniciativa social, estas entidades, que xa contaban con dispositivos destinado á atención integral a mulleres vítimas de explotación sexual e trata no que se lles presta acollida, axuda e asistencia directa, integran nos seus dispositivos unha vivenda de seguridade, destinada a facilitarlles ás mulleres que deciden abandonar a situación de explotación dun espazo de reflexión previo á denuncia que resulte suficiente para que a vítima poida restablecerse e escapar á influencia dos traficantes e/ou poida decidir, con coñecemento de causa, a súa cooperación coas autoridades competentes.