A Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia iniciou este ano os traballos para a elaboración do VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes co propósito de definir a Estratexia a seguir nesta materia polo Goberno galego no período 2012-2015. O OBXECTIVO XERAL deste Plan é avanzar na construción dunha sociedade máis próspera, plural e cohesiva, na que a igualdade formal entre mulleres e homes sexa cada vez máis unha realidade efectiva en todos os espazos da vida pública e privada de Galicia.
A renovación deste reto é continua e leva ao VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes a reforzar e evolucionar no deseño e aplicación das medidas de sensibilización, difusión e coordinación orientadas a vencer os obstáculos culturais que provoca o ‘espellismo da igualdade conseguida’, ao igual que aquelas destinadas a mobilizar o proceso de toma de conciencia social sobre a problemática da violencia de xénero. Igualmente importante é o progreso no eido das medidas de acción positiva e de transversalidade de xénero dirixidas a estimular os cambios necesarios na vida económica, social, política e cultural de toda a cidadanía galega a favor da equidade, así como para conseguir novos logros no desenvolvemento integral de mulleres e homes en Galicia e nas relacións entre uns e outras − porque son xustos e tamén porque son economicamente rendibles – e no tratamento da problemática da violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias.