Igualdade nos fondos europeos

As intervencións dos Fondos da Política de Cohesión (FEDER, FSE, e FC) constitúen un poderoso instrumento de financiamento das políticas públicas na medida de que...

  • Absorben máis dun tercio do presuposto comunitario.
  • Se concentran en varios ámbitos de actuación, todos eles considerados estratéxicos para a consecución dos obxectivos da Unión Europea a longo prazo: investigación, desenvolvemento tecnolóxico, innovación, sociedade da información, inclusión social, emprego, igualdade de oportunidades, eficiencia enerxética, medio ambiente, educación, formación, etc. En todos estes ámbitos interésanos aplicar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Posúen un gran alcance, dado que se implementan en colaboración cos gobernos dos Estados membros, as autoridades rexionais e locais, os axentes sociais e outras institucións representativas da sociedade civil.
 

Fondos europeos e Igualdade de xénero

A igualdade entre mulleres e homes constitúe un valor fundamental da Unión Europea consagrado nos Tratados e é un dos seus obxectivos fundamentais. Do mesmo xeito, incorporar o principio de igualdade entre mulleres e homes en todas as súas actividades representa un obxectivo xeral da Unión Europea.

A regulación dos fondos estruturais europeos no período 2007-2013 integra o concepto da transversalidade de xénero en todas as actividades, procurando que todos os programas financiados polos fondos contribúan á eliminación das desigualdades de xénero, creando comités de seguimento que evalúan a participación de mulleres e homes e implantando indicadores clave con desagregación por sexo.

Así mesmo, a perspectiva de xénero e a igualdade constitúen unha das prioridades da estratexia Europa 2020, especialmente en tres ámbitos de gran relevancia para a igualdade de xénero: o emprego, a educación e o fomento da inclusión social.

A Secretaría Xeral da Igualdade, forma parte da Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, creada polo Decreto 139/2012, do 29 de xuño, na que ademais propuxo a creación dun grupo de traballo específico para analizar a aplicación da perspectiva de xénero na xestión e execución de todas as actuacións financiadas con fondos estruturais, así como na programación do vindeiro período 2014-2020.

Así mesmo, colabora coa Dirección Xeral de Planificación e Fondos na organización de accións formativas que melloren a sensibilización e capacitación en igualdade dos e das xestores de fondos europeos.