Empresas

Plans de Igualdade nas empresas

Os Plans de Igualdade son un conxunto de medidas destinadas a alcanzar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

As empresas que trunfen no futuro serán as que dispoñan do mellor capital humano, e isto só é posible se a contratación de persoas se fai dende a perspectiva da igualdade e a protección da diversidade como factores importantes para o éxito empresarial. O non utilizar o pleno potencia humano é cada vez máis prexudicial no mercado laboral, no que a diversidade se converte nun elemento de vantaxe ou desvantaxe se non se ten en conta na xestión da empresa.

O cumprimento da normativa legal vixente en materia de igualdade de oportunidades debe ser o punto de partida para o desenvolvemento de accións específicas no eido empresarial.

O artigo 9º (Título II, capítulo I) da Lei 2/2007 do 28 de marzo do traballo en igualdade das mulleres de Galicia define os plans de igualdade das empresas como un conxunto ordenado de medidas, adoptadas despois de terse realizado un diagnóstico das realidade desde a perspectiva de xénero, tendentes a acadar na totalidade dos ámbitos da empresa o obxectivo da igualdade entre mulleres e homes e a eliminación da discriminación por razón de sexo.

Que contidos deben figurar nos Plans de igualdade das empresas?

  • A fixación de obxectivos concretos de igualdade dentro duns prazos de tempo razoables, con especificación de indicadores do cumprimento dos obxectivos e identificación dos órganos ou das persoas responsables.
  • Un código das boas prácticas necesarias ou convenientes para alcanzar os obxectivos asumidos a través da integración da dimensión de igualdade na organización do traballo e na xestión empresarial.
  • O establecemento de sistemas eficaces de control interno e de avaliación externa sobre cumprimento dos obxectivos, así como de mecanismos de readaptación deses obxectivos en función dos resultados obtidos.

Son obrigatorios ou voluntarios os plan de igualdade?

Os plans de igualdade serán obrigatorios para: a Administración autonómica, os seus organismos autónomos, as sociedades públicas, as fundacións do sector público autonómico, as entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da comunidade autónoma e os organismos con dotación diferenciada nos orzamentos da comunidade autónoma que, ao careceren de personalidade xurídica, non estean formalmente integrados na Administración da comunidade autónoma.

Tamén serán obrigatorios nos termos pactados cando se estableza nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa respecto das empresas incluídas no seu ámbito de aplicación ou nun convenio de empresa de calquera ámbito.

O establecemento de plans de igualdade nos termos nos que se implanten e a adopción doutras medidas de promoción da igualdade, incluíndo calquera acción de responsabilidade social, son voluntarios para as demais empresas.

Que beneficios pode achegar un plan de igualdade a unha empresa?

As empresas que implantasen un plan de igualdade terán preferencia na adxudicación dos contratos da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando as proposicións presentadas igualen nos seus termos as máis vantaxosas desde o punto de vista dos criterios obxectivos que sirvan de base para a adxudicación. Para eses efectos, os órganos de contratación advertirán desa preferencia nos pregos de cláusulas administrativas particulares, aínda que a ausencia de advertencia non privará do dereito á preferencia na adxudicación, sen prexuízo das responsabilidades nas que se puidese incorrer. Se a empresa fixese uso desta preferencia, estará obrigada a manter os parámetros de igualdade durante o prazo fixado na adxudicación, que, de o contrato resultar de execución sucesiva, será igual á súa duración temporal.

Máis información en: http://traballo.xunta.es/

Colectivo: