Bancos de tempo

bancos do tempo

Que é un banco de tempo?

Os bancos de tempo municipais son un sistema de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos nos que o valor de cambio é o tempo e a unidade de medida a hora. Teñen por finalidade favorecer ás persoas a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral.

Como funciona?

O seu funcionamento é moi sinxelo. As persoas interesadas inscríbense ofertando uns servizos e/ou coñecementos, indicando o tempo de que dispoñen e demandando outros que necesiten. A cantidade de tempo prestado e recibido debe manterse nun certo equilibrio, non permitíndose saldos negativos por debaixo do valor que cada banco estableza.

Non hai diñeiro, o tempo é a única moeda de cambio, todos os servizos que ofrezamos ou recibamos custan o mesmo, o tempo que se dedica en realizalo. A unidade de intercambio é a hora.

A persoa responsable do banco de tempo poñerá en contacto ás persoas inscritas e levará un rexistro de todos os intercambios realizados, así mesmo, organizará actividades para a dinamización do banco.

Fluxograma  funcionamento do banco de tempo

Historia

Os bancos do tempo son un sistema de intercambio con importantes e frutíferas experiencias a nivel nacional e internacional.

Italia foi o país pioneiro en Europa no establecemento de intercambios de tempo no ano 1992 a través do Sindicato de Pensionistas de Parma. Neste país optouse por un modelo centralizado nunha administración rexional e na actualidade conta xa con máis de 300 bancos.

En Francia funcionan a través dunha web onde grupos de persoas desenvolven os denominados Sistemas de Intercambio Local.

No caso luso, os bancos son creados por unha asociación e xestionados en colaboración coa administración local.

En España, Cataluña conta cun modelo xestionado por asociacións ou fundacións e asesorado polas administracións e asociacións.

Para que serve?

  • Para aprender algo novo
  • Para ensinar o que sabemos facer
  • Para compartir experiencias
  • Para coñecer xente
  • Para realizar actividades que che gusten
  • Ademais, os bancos de tempo ofrecen unha nova canle para entrar en contacto con outras persoas e deste modo iniciar novas relacións.

Quen pode inscribirse?

Todas as persoas empadroadas no correspondente municipio, que queiran intercambiar tempo e habilidades, tendo en conta que todo o mundo dá e recibe e que as contribucións de cada persoa valóranse por igual.

Unha hora sempre ten como contrapartida outra hora.

Onde se regulan?

Os bancos de tempo regúlanse no Título VI da Lei 2/2007 de 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, que foi desenvolvido polo Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento.