Campaña EU RESPECTO

10 de Maio de 2016

A Comunidade Autónoma de Galicia aprobou en abril de 2014 a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. A pesar dos avances, a realidade amosa que os cambios lexislativos e o recoñecemento xurídico non son suficientes para conseguir un cambio real cara a plena Igualdade e a aceptación social da diversidade sexual

De sobra é coñecida a importancia da escola como axente socializador e transmisor de roles, polo que resulta imprescindible ofertar formación en igualdade ás persoas que se ocupan profesionalmente das tarefas educativas.

O acoso escolar por orientación sexual e diversidade de xénero debe abordarse de forma transversal, co traballo colaborativo de nais e pais, titores e co conxunto da comunidade educativa. Por iso, este foro pon o foco de atención na urxente necesidade formativa do profesorado, considerando que o ámbito educativo constitúe un dos espazos sociais onde é máis apremiante tomar medidas, polo que é preciso achegar formación ao profesorado para dotalo de ferramentas axeitadas para abordar casos de homofobia e transfobia.

O propósito dos foros de educación en igualdade é promover a construción dun novo modelo formativo capaz de abranguer por igual ao feminino e ao masculino. Entre os seus obxectivos figura tamén procurar a reflexión entre o profesorado galego sobre a transmisión de estereotipos de xénero no ámbito escolar e favorecer a toma de conciencia das e dos asistentes como axentes nesta situación discriminatoria, así como presentar investigacións e proxectos que sirvan de guía para traballar a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero.

Campaña EU RESPECTO