Subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia dirixidas a favorecer e dinamizar o compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e coa prevención e o tratamento integral da violencia de xénero

O obxecto desta convocatoria é aprobar as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para as diferentes actuacións que desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2010 as entidades locais galegas e proceder á súa convocatoria.

Esta disposición ten por finalidade:

  • Mellorar a percepción social sobre a igualdade entre mulleres e homes
  • Mellorar as condicións sociais e culturais de partida para as mulleres e fomentar a súa participación
  • Fomentar o desenvolvemento de medidas de prevención e tratamento integral contra a violencia exercida sobre as mulleres
  • Fomentar a formación en igualdade e a corresponsabilidade da poboación infantil e xuvenil
  • Impulsar a transversalidade de xénero no ámbito municipal

Entidades beneficiarias

Poderán solicitar estas subvencións os concellos, as agrupacións de concellos ou as mancomunidades da comunidade autónoma validamente constituídas que cumpran os requisitos que nela se establecen.

Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituíren mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta resolución.

Ningún concello ou entidade local poderá:

  • Presentar solicitude de subvención se o fixo unha entidade local en que estea integrado ou da cal dependa
  • Figurar en máis dunha solicitude colectiva das que sinala o punto 2
  • Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual

Actuacións subvencionables

Serán obxecto de subvención as actuacións que se describen a seguir, enmarcadas nalgunha das dúas liñas seguintes:

Liña 1: Promoción da igualdade

  • Elaboración do Plan para a igualdade entre mulleres e homes, que deberá conter unha área de actuación específica relativa a medidas de prevención e eliminación da violencia de xénero.
  • Avaliación dos resultados do último plan para a igualdade entre mulleres e homes.
  • Accións de capacitación do persoal político e técnico respecto dos fundamentos teóricos e as ferramentas prácticas para a integración da perspectiva de xénero nas políticas locais.
  • Actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación, tanto no ámbito educativo, en colaboración cos centros educativos do municipio ou das ANPAS, como no ámbito da familia ou na sociedade.


Liña 2: Prevención e tratamento integral da violencia de xénero

  • Consolidación e establecemento de estruturas de coordinación e cooperación entre os distintos ámbitos políticos e profesionais dirixida á eficaz prevención, detección e intervención na loita contra a violencia de xénero e protección das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes.
  • Prevención, sensibilización e concienciación sobre a violencia de xénero na sociedade
  • Intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes, procurando a recuperación da súa identidade e autonomía e a restauración dos seus proxectos vitais.
  • Actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual en xeral e a prostitución en particular; propostas de acción e coordinación entre todos os axentes sociais.

Contía da subvención

A contía da subvención determinarase sobre a base da puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos, sen que poida exceder 6.000 euros por cada entidade beneficiaria no caso de actuacións correspondentes á liña 1 e de 10.000 euros por cada entidade beneficiaria no caso de actuacións correspondentes á liña 2.

Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes de subvención presentaranse segundo o modelo que se publica como anexo I e II e dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Secretaría Xeral da Igualdade, pódense presentar de calquera das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as cales se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Estado de tramitación: 
Resolta
Colectivo: