Resolución do 28 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as solicitudes de subvencións ao abeiro da Resolución do 12 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións  Públicas e Xustiza


Secretaría Xeral da Igualdade



SUMARIO:




Resolución do 28 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as solicitudes de subvencións ao abeiro da Resolución do 12 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, para o ano 2018. (SI452A).




TEXTO:



Mediante Resolución do 12 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, establecéronse as bases reguladoras e convocáronse para o ano 2018 as subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.


Segundo o artigo 16.1 das bases reguladoras, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.

Unha vez rematada a fase de instrución das solicitudes recibidas na Secretaría Xeral da Igualdade,  avaliadas as solicitudes pola comisión de valoración prevista no artigo 13 das bases reguladoras, vista a proposta de resolución formulada polo órgano instrutor e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias,


RESOLVO:

Primeiro. Conceder as subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, que se indican nos anexos I e II pola contía resultante, logo da aplicación do establecido nos artigos 5.d)  e 13.2 das bases reguladoras, nas dúas liñas establecidas no artigo 5, e por un importe total de 457.067,82 euros, logo da ampliación de crédito realizada ao abeiro da Resolución do 20 de decembro, con cargo ás aplicacións orzamentarias que se indican a continuación:

Programa

Aplicación orzamentaria

Crédito total

Liña 1. Actuacións no ámbito da promoción da igualdade entre homes e mulleres.

05.11.313B.481.2

227.444,91

Liña 2. Accións de prevención e loita contra a violencia de xénero e apoio ás súas vítimas

05.11.313D.481.0

229.622,91

 

Total

457.067,82



Segundo. Excluír e declarar desistidas as solicitudes que se relacionan no anexo III, con indicación da causa específica, por non cumpriren algún dos requisitos establecidos nas referidas bases reguladoras, ou por non cumpriren o requisito de emenda e/ou achega dos documentos preceptivos no prazo establecido.


Terceiro. De acordo co establecido no artigo 17 das bases reguladoras, unha vez notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) a súa aceptación, e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicar dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.


Cuarto. Segundo o artigo 3 das  bases reguladoras, estas subvencións son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, agás aquelas da mesma natureza que se outorguen pola Administración xeral do Estado en virtude das súas competencias e sen prexuízo daqueles gastos que poidan ser imputables ás subvencións que se concedan nos respectivos ámbitos.


Non obstante, estas axudas son incompatibles para o mesmo programa, actuación ou actividade coas subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade convocadas anualmente pola Secretaría Xeral da Igualdade.


Quinto. De conformidade co artigo 22 das bases reguladoras,  o pagamento realizarase dunha soa vez en concepto de anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución de concesión e, en todo caso, na anualidade 2018.


Sexto. A data límite de presentación da documentación xustificativa da realización do programa subvencionado, de acordo co artigo 23 das bases reguladoras, é o 15 de febreiro de 2020.


As actuacións correspondentes aos programas subvencionados xustificaranse a través de conta xustificativa con achega de xustificantes de gasto ou a través de conta xustificativa con achega de informe de auditoría,  e coa documentación xustificativa prevista nas bases reguladoras e segundo o establecido no artigo 23.


O período de referencia para o desenvolvemento do programa e para a imputación dos gastos subvencionables é o ano 2019, segundo o establecido no artigo 5.b).


Setimo. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas no artigo 21 das bases reguladoras e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación e, en particular, as seguintes:

a) Executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e cumprir o seu obxectivo.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, de acordo co establecido no artigo 23.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Conservar os documentos xustificativos orixinais da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

h) Incorporar de forma visible no material de difusión dos programas subvencionados o seu financiamento público.

i) Ter subscrito unha póliza de seguro de accidentes e de enfermidade e de responsabilidade civil a favor do persoal voluntario que participe nos programas subvencionados conforme ao previsto nos artigos 7 g) e 11 i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

j) Cumprir coa obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da ei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

k) Calquera outra obriga imposta ás entidades beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta resolución.

Oitavo. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao desta publicación, de conformidade co establecido nos artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao desta publicación, de acordo co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

 

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018



Susana López Abella

Secretaria xeral da Igualdade


INSÍRASE



Beatriz Cuiña Barja

Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza