Axudas para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres

O Diario Oficial de Galicia publica o 24 de maio de 2010 a resolución do 18 de maio de 2010, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres e se procede á súa convocatoria.

Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, con destino a gastos correntes derivados do seu mantemento e funcionamento durante o ano 2010.

Entidades beneficiarias

As axudas poderán ser solicitadas polas asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, nas áreas de actuación da muller ou de igualdade.

Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a:

  • Promover a igualdade entre homes e mulleres.
  • Promover a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.

Orzamento e contía da subvención

A Secretaría Xeral da Igualdade financiará as axudas obxecto desta convocatoria por un importe total máximo de 300.000 euros ou o que resulte da súa actualización, no caso de que se aproben modificacións orzamentarias de conformidade coa lexislación vixente, con cargo á partida orzamentaria 04.40.313B.480.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

A contía de cada axuda determinarase sobre a base da puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 7, e poderá alcanzar como máximo o 90% do total do orzamento presentado, sen que en ningún caso supere os 6.000 euros por entidade beneficiaria.

Conceptos e gastos subvencionables

As axudas reguladas nesta resolución teñen como finalidade fortalecer e consolidar o movemento asociativo de mulleres, por ser elemento indispensable na promoción da igualdade de oportunidades, establecendo unha liña de apoio ao seu mantemento e funcionamento. Por este motivo, concederanse axudas económicas para compensar os gastos realizados e efectivamente pagados que orixine o mantemento ou funcionamento destas entidades entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2010.

O mantemento inclúe o financiamento dos gastos correntes en bens e servizos asociados ao local onde se sitúe a sede social da entidade, obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial do dito inmoble.

A subvención do funcionamento ten como obxectivo facilitar o desenvolvemento das actividades propias e habituais da entidade, incluíndo gastos de subministracións, material funxible de oficina e ofimático, correo e outros análogos. Tamén serán subvencionables os gastos de persoal que desenvolva unicamente funcións administrativas.

Todos os gastos serán correntes, polo tanto, as entidades beneficiarias non poderán imputar gastos de investimento para a xustificación da axuda concedida.

Terán a consideración de subvencionables, entre outros, os seguintes gastos correntes en bens e servizos:

  • Gastos correspondentes ao aluguer do local onde se sitúe a sede social da asociación ou federación.
  • Gastos de administración xeral e material funxible de oficina e ofimático, gastos de correo e outros análogos.
  • Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación.
  • Obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial da sede social.
  • Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.
  • Gastos derivados das subministracións de auga, electricidade e similares relativos ao local da sede social, así como gastos da liña telefónica.
  • Instalación de liñas ADSL, mantemento de equipos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.
  • En ningún caso serán subvencionables os gastos correntes derivados do desenvolvemento de actividades ou programas da entidade solicitante.

Solicitudes, documentación e prazo

As entidades que desexen solicitar as axudas reguladas nesta resolución deberán dirixir a súa solicitude ao/á xefe/a do departamento territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente en función da provincia en que a asociación teña establecida a súa sede social, segundo o modelo oficial que figura como anexo.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Estado de tramitación: 
Resolta