Axudas económicas a vítimas de violencia de xénero para o ano 2013

Venres, 05 de abril de 2013. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución do 3 de abril de 2013, de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

A contía das axudas, que poden percibirse por un período máximo de doce mensualidades, pode oscilar entre os 300 e os 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria, dos seus fillos ou fillas menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables.

Os requisitos para optar a estas axudas son ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia; ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude; percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente; estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.

Ademais, tamén se esixe non ter percibido con anterioridade esta axuda ou a axuda de pago único establecida na Lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, para mulleres que, debido a súa idade, falta de preparación ou circunstancias sociais, teñan dificultades para obter un emprego e pola dita circunstancia non participen nos programas de emprego establecidos para a súa inserción profesional.

• O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 31 de outubro de 2013.

 

Corrección de erros:
Orde do 2 de abril de 2013 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2013. Advertido erro na devandita orde, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 66, do 5 de abril de 2013, cómpre facer a seguinte corrección na páxina 10043, no ANEXO I (continuación), incluíndo a declaración da persoa solicitante relativa á autorización para a consulta dos datos de residencia no sistema de verificación de datos de residencia, que queda como segue na documentación adxunta:

Estado de tramitación: 
Resolta