Axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres. Ano 2012

Santiago, 6 de xullo de 2012. O Diario Oficial de Galicia publica a Resolución 3 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, cofinanciadas polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (SI437A).

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2012, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, a través das seguintes liñas:

  • Liña 1. Consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
  • Liña 2. Promoción de hábitos de vida saudables, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas destinados a esta finalidade.
  • Liña 3. Promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención (protección, asistencia e/ou acompañamento) a mulleres que a sofren, destinadas a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.

Beneficiarias

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais, na área de actuación de igualdade.

Financiamento

As axudas obxecto da presente convocatoria financiaranse por un importe total máximo de douscentos mil euros (200.000 euros), cofinanciadas ao 80% con fondos FSE do Programa operativo de Galicia 2007-2013 de acordo coa seguinte distribución:

  • Liña 1. Consolidación do movemento asociativo: ata 50.000 euros
  • Liña 2. Promoción de hábitos de vida saudables: ata 75.000 euros.
  • Liña 3. Prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas: ata 75.000 euros.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Estado de tramitación: 
Resolta