Axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo

Mércores, 18 de maio de 2011. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se regulan as axudas económicas para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo para o coidado do seus fillos ou fillas, que está dotada con 363.747 euros e ten como obxectivo promover a conciliación da vida familiar e laboral e fomentar a corresponsabilidade entre homes e mulleres.

Poderán beneficiarse destas axudas aqueles homes que sexan traballadores por conta allea, e as familias monoparentais nas que a persoa solicitante, home o muller, sexa traballador por conta allea,  e que entre o 1 de setembro de 2010 e o 30 de abril de 2011 se acollesen a unha redución da súa xornada laboral para dedicarse ao coidado dos seus fillos ou fillas menores de 3 anos, ou ben, aínda superándose esa idade, cando o/a menor padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33% e sexa menor de 12 anos.

O importe destas axudas ascende a  363.747 euros. Realizaranse nun pagamento único que estará en función da porcentaxe de redución da xornada laboral que se solicite e da duración desta, que será como máximo de 8 meses e como mínimo de 60 días.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O obxectivo destas axudas ten a dobre vontade de apoiar a asunción de responsabilidades familiares por parte dos varóns e de axudar á desaparición dos estereotipos sociais sobre a suposta maior capacidade das mulleres á hora de atender as responsabilidades de carácter familiar, xa que o mantemento desta crenza ten efectos negativos na empregabilidade e na promoción profesional das mulleres, que son as que maioritariamente seguen acolléndose ás medidas de conciliación ofertadas polas diferentes administracións públicas.

Por todo elo, a Secretaría Xeral da Igualdade quere apoiar economicamente a aqueles traballadores que reduzan a súa xornada laboral por razón da atención dos seus fillos e fillas, entendendo que se trata dunha medida que, indirectamente, favorece tamén o mantemento das traballadoras nais no mercado de traballo.

Estado de tramitación: 
Resolta
Colectivo: