Os CIM da provincia de Lugo seguen prestando atención por vía telefónica, telemática e mesmo presencial

A Xunta ten en marcha un plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero durante o estado de alarma e mantén todas as axudas e recursos destinados ao seu apoio

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia coas representantes dos once Centros de Información á Muller (CIM) da provincia

O Goberno galego traballa no reforzo e reconfiguración dos programas de conciliación que adquiren un papel esencial durante os próximos meses

  • A Xunta ten en marcha un plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero durante o estado de alarma e mantén todas as axudas e recursos destinados ao seu apoio
  • A Xunta ten en marcha un plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero durante o estado de alarma e mantén todas as axudas e recursos destinados ao seu apoio
  • A Xunta ten en marcha un plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero durante o estado de alarma e mantén todas as axudas e recursos destinados ao seu apoio

Lugo, 19 de maio de 2020.-

Os once Centros de Información á Muller (CIM) da provincia de Lugo participaron no Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero posto en marcha pola Secretaría Xeral de Igualdade para garantir todos os recursos de acollida a aquelas mulleres que os precisen durante a vixencia do Estado de Alarma.

O Goberno galego segue mantendo todas as axudas e recursos do seu orzamento para atender ás vítimas de violencia de xénero, entre as que se inclúen as prestacións económicas, o asesoramento psicolóxico, de asistencia social e xurídica dos CIM e, no seu caso, o funcionamento das casas de acollida.

Estas foron algunha das medidas avaliadas hoxe no transcurso dunha videoconferencia que mantiveron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, coas representantes dos Centros de Información á Muller da provincia e na que tamén quixeron coñecer as súas achegas e necesidades.

Outro dos asuntos trasladados na xuntanza foi o feito de que o Goberno galego está a traballar no reforzo e reconfiguración dos programas de conciliación da vida laboral e familiar, apoiados pola Xunta, e que adquiren un papel esencial durante os próximos meses. A administración autonómica estuda fórmulas, en colaboración cos concellos, para seguir prestando estes apoios, de xeito especial agora que hai unha progresiva reincorporación á actividade laboral de moitas familias.

Centros de Información á Muller

Cómpre sinalar tamén que a Xunta financia todos os anos o mantemento dos Centros de Información á Muller. En concreto, no que respecta á provincia de Lugo, esta liña de axudas ascendeu na última convocatoria a 493.000 euros e permitiu o mantemento de 28 postos de traballo.

Na nosa provincia permanecen operativos os CIM de Burela, Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

“Ante a pandemia de coronavirus, todos os centros están funcionando, prestando atención por vía telefónica e telemática, e mesmo ofrecendo atención presencial naqueles casos de maior gravidade”-explicaron desde a Xunta.

Ademais, mantéñense totalmente operativos os centros de acollida ata completar capacidade e tamén se acordou reforzar a colaboración coa Rede galega contra a trata para atender situacións de especial vulnerabilidade causadas pola crise do coronavirus.

Ademais, o Plan de reforzo vixente inclúe, entre outras medidas, a ampliación do bono de alugueiro social para as vítimas de violencia de xénero, ata poder chegar a asumir a Xunta o pagamento do 100% do alugueiro, para paliar o impacto económico que o estado de alarma poida ter sobre as vítimas.

Tamén continúa activo servizo de atención telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero (900 400 273), que recibe tamén as chamadas procedentes de Galicia que entran a través do 016. Ademais, opera con normalidade o asesoramento xurídico en liña e seguen operativas as terapias de apoio psicolóxico, tanto en atención presencial como a través de sesións telemáticas ou telefónicas, ao igual que o contacto coas vítimas de violencia sexual.

Mantéñense operativos o pago de todas as axudas económicas, que ademais seguirán a tramitarse na sede electrónica da Xunta.