A Xunta subliña o papel cada vez máis destacado da muller no transporte, un sector esencial para o funcionamento económico e social

Vázquez Mourelle pon de relevo o diálogo permanente e fluído que mantén a Xunta co sector, como quedou acreditado co paro da actividade do pasado mes de marzo e iniciativas como a mesa xeral de diálogo impulsada cos transportistas

Lorenzana valoriza a colaboración da Xunta co sector para eliminar estereotipos, avanzar nas medidas de conciliación e apoiar o liderado das súas traballadoras

  •  A Xunta subliña o papel cada vez máis destacado da muller no transporte, un sector esencial para o funcionamento económico e social
  •  A Xunta subliña o papel cada vez máis destacado da muller no transporte, un sector esencial para o funcionamento económico e social

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022.-

A Xunta subliñou hoxe o papel cada vez máis destacado da muller no transporte, un sector que se ten demostrado esencial e imprescindible para o funcionamento de todos os sectores produtivos e para a recuperación económica, así como para o equilibrio da sociedade.

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participaron esta tarde no acto de presentación do proxecto ‘As mulleres no sector do transporte de mercadorías por estrada’.

Durante o acto, Ethel Vázquez puxo de relevo o diálogo permanente e fluído que mantén a Xunta co sector do transporte de mercadorías por estrada, como quedou acreditado co paro da actividade do pasado mes de marzo, e tamén con iniciativas como a mesa xeral de diálogo impulsada pola Xunta con transportistas, distribuidores e cargadores en aras de facilitar un funcionamento máis harmónico e transparente de todos os eslavóns que conforman a cadea loxística en Galicia.

Pola súa banda, Lorenzana puxo en valor as políticas, accións e iniciativas desenvolvidas en Galicia para eliminar estereotipos de xénero no sector e avogou por unha “participación igualitaria” das mulleres no transporte de mercancías por estrada, como unha “necesidade social e económica” xa que, dixo, “é vital para garantir a sustentabilidade do transporte e a loxística, un eixo vertebrador da actividade económica do país”.

O Goberno galego está a traballar man a man co sector, por exemplo, co Plan Emprega Muller que, con 35,8 millóns de euros para 2022, artella programas de apoio integral para a formación, o acceso, a permanencia, a consolidación e o liderado das mulleres galegas.

“Somos conscientes de que unha das vosas principais demandas pasa pola conciliación da vida laboral, persoal e familiar”, trasladou ás persoas asistentes María Jesús Lorenzana, quen afirmou que a Xunta de Galicia destinará este ano, soamente a través do departamento de Emprego e Igualdade, máis de 16 millóns de euros a promovela e incentivala. APETAMCOR é desde hai anos, ademais, entidade colaboradora co programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, o que amosa o seu compromiso e implicación no apoio ao colectivo feminino máis vulnerable, destacou.

A xornada, organizada por APETAMCOR, a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, contou coa participación da súa fundadora e secretaria xeral, Miriam Otero, da profesora do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Freire Esparís, e da profesora emérita de Historia Económica da USC, María Xosé Rodríguez Galdo, encargadas de presentar o proxecto e as súas conclusións.

Durante a xornada tamén se celebrou unha mesa de debate sobre o papel da muller no sector do transporte, coa participación de distintas representantes do sector, entre elas, Silvia Chaves Freire, xerente de Chaves, S.L; Lucía Castiñeira Recarey, xerente de Transportes Trillo; e Noemi López Sande, empresaria do sector do transporte.

 
Tema: