A Xunta sitúa ás 10.000 mozas galegas menores de 30 anos que buscan emprego como colectivo prioritario

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que as políticas activas de emprego do Goberno galego están a poñer o foco na contratación de calidade das mulleres máis novas

Galicia pechou febreiro con 9.727 mulleres menores de 30 anos na procura activa de emprego, a menor cifra da serie histórica

A Xunta está a desenvolver o Plan Emprega Muller, dotado con máis de 34 millóns de euros, e o Plan Emprega Xuventude, con case 52 millóns, como mostra do compromiso dobre que mantén con estes grupos de poboación

Lorenzana avanzou que o novo Estatuto da Muller Rural e do Mar, que se incluirá na nova lei de igualdade autonómica, amparará a súa participación, asociacionismo e protagonismo nas políticas de emprego

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022.-
 
Galicia pechou o pasado mes de febreiro con 9.727 mulleres menores de 30 anos na procura activa de emprego. Aínda que se trata da menor cifra de toda a serie histórica, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, incidiu hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta está a desenvolver políticas pensadas por e para elas como colectivo prioritario, co obxectivo de que acaden empregos de calidade, con especial atención aos sectores onde se atopan infrarrepresentadas.
 
As mozas galegas son un colectivo dobremente prioritario en numerosas ordes de axuda da Consellería de Emprego e Igualdade, tanto no acceso aos apoios como na intensidade dos mesmos. Nesta liña, a conselleira lembrou que a Xunta ten activos dous plans específicos cunha dotación total de máis de 86 millóns de euros: o Plan Emprega Muller (34,3 millóns de euros) que desprega oito programas integramente dirixidos a mulleres; e o Plan Emprega Xuventude (51,8 millóns), con tres novos programas que poñen o acento nun dos atrancos máis comúns neste colectivo, a falta de experiencia laboral previa.
 
No primeiro mes do ano foron activados os dous primeiros programas para persoas mozas cos que se buscan unhas 1.000 contratacións, a través do programa Investigo que incentiva as incorporacións no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación; e Primeira experiencia profesional nas Administracións Públicas.
 
A conselleira lembrou que aínda que os indicadores da situación laboral das mozas galegas constatan avances -como que case a metade das novas ocupadas en 2021 foron mulleres menores de 30 anos e o 66% do descenso do paro feminino o ano pasado tamén correspondeu a este perfil- quedan retos por diante. Por este motivo a Xunta está a artellar políticas activas de baseadas na identificación de colectivos prioritarios, na definición de necesidades e potencialidades e desenvolvemento de plans de acción.
 
Na mesma liña, a conselleira especificou que o Goberno galego está adecuar as ferramentas do Servizo Público de Emprego de Galicia ás necesidades e á linguaxe da mocidade, e estase a modernizar e informatizar a labor prestada e impartindo formación a través do campus virtual.

Mulleres no rural e no mar

A conselleira de Emprego e Igualdade, por outra banda, detallou hoxe no Pazo do Hórreo algúns dos contidos da nova lei autonómica de igualdade -agora sometida a consulta pública previa- que incluirá Estatuto da Muller Rural e do Mar, que estará dotado dunha regulación superior e dun maior amparo legal.

Lorenzana relatou que a norma albergará asuntos que van desde a participación da muller rural e do mar nos plans de desenvolvemento de ambos os dous ámbitos, o fomento do asociacionismo e a creación de redes de titulares de explotacións agrarias e a consideración específica deste colectivo en todas as políticas de emprego.

A Xunta desenvolverá este ano, ademais, un estudo para coñecer a situación socioeconómica das mulleres rurais galegas e outro, de carácter pioneiro, sobre a profesionalidade do colectivo de redeiras para facer máis atractiva a profesión e en aras dunha maior profesionalización e relevo xeracional.

Igualdade de oportunidades

O Goberno galego está a desenvolver, noutra orde de cousas, o VIII Plan estratéxico para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes de Galicia. Este instrumento transversal, ao que se referiu tamén a conselleira, marcará a estratexia de igualdade entre os anos 2022 e 2027 e “asume dar respostas ás necesidades xurdidas da tripla crise da covid-19: sanitaria, social e económica”, indicou.

Lorenzana adiantou que o plan contará con catro principios reitores que poñen o foco na igualdade como motor do progreso social e económico, no afianzamento da transversalidade dos asuntos de xénero en toda Xunta e a colaboración intra e interinstitucional e a corresponsabilidade civil na materia.

O VII Plan, que contou cun orzamento de 390 millóns de euros, permitiu executar un total de 216 medidas, un resultado que a conselleira valorou positivamente para avanzar nunha sociedade galega máis xusta e igualitaria.

Tema: