A Xunta seguirá a incidir en 2022 na empregabilidade das mulleres e a conciliación no ámbito laboral

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, interveu no congreso da Asociación Española de Dirección y Desarrollo de Persoas (Aedipe) onde puxo en valor a aposta de Galicia pola igualdade, a inclusividade e a diversidade na empresa

Anunciou que o Goberno galego está a piques de resolver o programa Responsabilízate que apoia á transformación das pemes galegas para que integren a responsabilidade social empresaria

Multimedia

A Xunta seguirá a incidir en 2022 na empregabilidade das mulleres e a conciliación no ámbito laboral
Vigo, 4 de novembro de 2021.-
 
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, defendeu hoxe o compromiso da Xunta como motor do impulso do cambio no eido laboral, co punto de mira fixo na igualdade, na inclusividade e na diversidade dos equipos de traballo. No 54 Congreso da Asociación Española de Dirección y Desarrollo de Personas (Aedipe) en Vigo, referendou que a Xunta seguirá a impulsar en 2022 a empregabilidade feminina e a igualdade laboral.
 
Mancha defendeu a igualdade como “condición previa para lograr os obxectivos en materia de emprego, competitividade e cohesión social” e a diversidade como “valor estratéxico” cos que debe contar a empresa para responder aos diferentes talentos. Ambos os dous son principios que o tecido produtivo debe poñer, a xuízo da directora xeral, en primeiro lugar.
 
“Un lugar de traballo inclusivo e integrador valora a todos os empregados polas súas fortalezas” e “ofrece a todos os seus empregados a mesma oportunidade de ter éxito, aprender, recibir unha compensación xusta e avanzar”, recalcou Mancha.
 
A Xunta aspira a ser motor de impulso dos cambios que no eido laboral, veñen de acelerarse por mor da pandemia, especificou a directora xeral. Neste sentido, estanse a deseñar políticas de fomento da igualdade, tanto desde o campo das relacións laborais como desde o emprendemento feminino, impulsando ás organizacións e asociacións de entidades do terceiro sector, e apoiando programas de fomento da responsabilidade corporativa nas pemes.
 
Entre outras axudas, Mancha mencionou os apoios que desde o Goberno galego se están a dirixir a prol da conciliación e a corresponsabilidade, cun investimento que superará os 16 millóns de euros en 2022.
 
Ademais o Goberno galego avogará polo acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional ou o crecemento en oportunidades laborais e negocios que implique activamente a mulleres.
 
A maioría das iniciativas son de nova creación, incidiu Mancha, para garantir a mellora da cualificación profesional e fomento empregabilidade do colectivo feminino. Así incentivarase a mellora das capacidades dixitais para mulleres do rural, programas integrados de emprego exclusivos para mulleres ou unidades formativas en empresas con subrepresentación feminina.
 
“Este ano estamos a piques de resolver o programa Responsabilizate, de apoio a unha verdadeira transformación ás pemes galegas, que integre na responsabilidade social das empresas as novas esixencias lexislativas, do mercado e dos grupos de interese en cuestións sociais, ambientais e de gobernanza, dotándoas de ferramentas necesarias para desenvolver modelos de negocios sostibles capaces de xerar valor para as empresas e para a sociedade”, anunciou a directora xeral. 
 
Tema: