A Xunta salienta o reforzo dos recursos autonómicos contra a violencia de xénero e incide en que todos os servizos de atención e prevención están operativos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, sinalou hoxe en comisión parlamentaria que as mulleres vítimas de violencia machista e os seus fillos teñen a súa disposición todos os recursos pese ás restricións xeradas pola covid-19

Deixa claro que a institución autonómica segue en alerta fronte á violencia de xénero sen baixar a garda “en ningún momento”

López Abella pon en valor o traballo dos centros de información á muller, unha rede de titularidade municipal, que a Xunta apoia con preto de cinco millóns de euros, e que dá servizo a 191 concellos galegos, o 81% da poboación total de Galicia

Destaca que a Xunta ten articulada unha rede de casas de acollida, interconectadas entre si, e que Galicia está adherida ao Protocolo nacional para a súa coordinación

Pon en valor o apoio da Administración galega aos programas de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021.- 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en comisión parlamentaria que a Xunta, pese ás restricións xeradas pola covid-19, segue en alerta fronte á violencia de xénero sen baixar a garda “en ningún momento” e, deste xeito, explicou que o 100% dos recursos autonómicos destinados a loitar contra a violencia machista están operativos, tanto os servizos de información, atención como de prevención.

López Abella explicou que a Xunta reforzou durante a declaración do Estado de Alarma en 2020 os recursos autonómicos destinados a este fin para “non deixar ás mulleres desprotexidas con motivo da situación da pandemia”. Este reforzo destacou que continúa ao longo deste ano 2021. De feito, lembrou que tras o Estado de Alarma, a Administración galega lanzou a campaña co lema Seguimos en alerta fronte á violencia de xénero para reforzar a idea de que os servizos públicos seguen operativos están ao 100% do seu rendemento.

A secretaria xeral da Igualdade, ademais, puxo en valor en sede parlamentaria o traballo que están a realizar os centros de información á muller (CIM), unha rede -que explicou- é de titularidade municipal e que a Xunta apoiou este ano con cinco millóns de euros, elevando o orzamento destinado en 2020 nun 2,5%.

Galicia conta na actualidade con 84 centros de información á muller con representación nas catro provincias galegas tras a apertura en 2020 do CIM do Pereiro de Aguiar e en 2021 do emprazado en Carballeda de Avia, ambos os dous na provincia de Ourense. A creación dos CIM depende dos concellos galegos, sendo a competencia da Xunta a de verificar os requisitos para o seu recoñecemento e acreditación. Os 84 CIM dan servizo a 191 concellos galegos, o que representa o 81% da poboación total.

Recursos de acollemento

Con respecto aos recursos de acollemento, López Abella explicou que a Administración galega ten articulada unha rede de casas de acollida que están interconectadas entre si e que prestan servizo en distintas localidades das catro provincias galegas en colaboración con outras institucións. Así mesmo, apuntou que a Xunta mantén “unha estreita colaboración” con entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de dispositivos destinados á atención integral de mulleres vítimas de explotación sexual e trata. Tamén fixo referencia a outros recursos de acollemento para mulleres vítimas de violencia de xénero como son as axudas dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o financiamento de programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Galicia, ademais, tal e como comentou a secretaria xeral da Igualdade, está adherida ao Protocolo nacional de derivación entre as comunidades autónomas para a coordinación das súas redes de centros de acollida para as mulleres vítimas da violencia de xénero e dos seus fillos e fillas. Como recurso complementario a este protocolo, a Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Amtega, puxo en marcha o mapa de recursos en liña para loitar contra a violencia de xénero.

Axudas á corresponsabilidade

López Abella destacou, por outra banda, o firme compromiso do Goberno galego en prol da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes que ten como reto de “alcanzar a conciliación corresponsable”.

Puxo como exemplo de boas prácticas o programa da Xunta de fomento da corresponsabilidade pola súa “ampla traxectoria e unha alta demanda” que desde o ano 2009 rexistrou 5.433 solicitudes e supuxo a concesión de 2.859 axudas.

O programa de fomento da corresponsabilidade ten como finalidade, como explicou, acadar o reparto equilibrado entre mulleres e homes das responsabilidades de coidado (a fillas e fillos e a persoas maiores) e das tarefas do fogar e da responsabilidade da conciliación da vida familiar, laboral e persoal. “Estamos ante unha medida de discriminación positiva e necesaria, de sensibilización e promoción do coidado nos homes pais, como o cree Europa”, recalcou.

Os apoios á corresponsabilidade representan, tal e como apuntou a secretaria xeral da Igualdade “unha medida de carácter complementario a outras axudas e programas desenvolvidas pola Xunta de Galicia”, entre outras: a tarxeta Benvida, o bono coidado, o bono concilia, a prestación económica por filla/o menor de 3 anos, as casas niño, a rede de escolas infantís, a gratuidade da atención educativa en escolas infantís de iniciativa social, axudas a familias numerosas ou para promover a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), a liña Concilia do programa de emprendemento feminino (Emega) ou os apoios á conciliación no ámbito local.