A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe en Santiago a xornada ‘A igualdade na empresa como estratexia de xestión’
Mato destacou a importancia dos beneficios sociais e económicos que xera a igualdade de xénero en materia laboral
Resaltou que as mulleres son un colectivo prioritario para a Xunta en todas as convocatorias de axudas de emprego
Lembrou que o programa Executiva, posto en marcha de forma pioneira polo departamento autonómico, beneficiou nas súas dúas edicións a 400 mulleres
A Xunta certificou a implantación de plans de igualdade en 10 empresas galegas e na actualidade están en tramitación outras 64
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, clausurará a xornada e incidirá no VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes
Santiago, 12 de xullo de 2013. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou hoxe a importancia dos beneficios sociais e económicos que xera a igualdade de xénero en materia laboral na inauguración en Santiago da xornada ‘A igualdade na empresa como estratexia de xestión’.
Mato resaltou que por este motivo o departamento autonómico puxo en marcha diversas medidas que fomentan e favorecen a igualdade de xénero, como é por primeira vez en Galicia a revisión dos convenios colectivos desde dita perspectiva. Neste senso, indicou que xa se revisaron máis de 350 a través da Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na negociación colectiva, que puxo en marcha o Goberno galego en 2009.
Mato indicou, así mesmo, que a Xunta está a asesorar ás empresas galegas sobre a implantación de plans de igualdade. Ao respecto, lembrou que a Administración autonómica expediu para 10 empresas as certificacións oficiais destes plans e que na actualidade están en trámite outros 64.
Así mesmo, engadiu que as mulleres son un colectivo prioritario de todas as convocatorias de axudas de emprego da Consellería de Traballo e Benestar, ao tempo que sinalou que 400 mulleres beneficiáronse do programa Executiva posto tamén en marcha polo departamento autonómico de forma pioneira, co obxectivo de fortalecer a capacidade de liderado das traballadoras galegas.
Outras das medidas do Goberno galego para favorecer a igualdade de xénero é a creación da Marca Galega de Excelencia Empresarial en Igualdade, que premia o esforzo e as actuacións das empresas en favor da equidade. Ata o de agora dúas empresas contan con este distintivo.
Tamén destacan a comisión para integrar a igualdade dentro das políticas de prevención de riscos laborais ou a elaboración dunha lista coa relación das profesións nas que as mulleres galegas están subrepresentadas, co obxectivo de achegar información para acadar unha maior integración das mulleres no mercado laboral e, en especial, naqueles sectores que presenten mellores perspectivas de empregabilidade.
Por último, Mato fixo fincapé na aposta da Xunta pola conciliación da vida persoal, laboral e familiar impulsando plans e medidas nas empresas e organismos e creando prazas públicas de educación infantil.
Apelou, en definitiva, á posta en marcha de actuacións deste tipo incidindo en que para elo é “imprescindible” contar coa vontade e esforzo de toda a sociedade, polo que destacou a importancia do labor de sensibilización social e divulgación.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurará hoxe esta xornada, versando sobre a necesidade de aumentar a visibilización da muller na xestión empresarial e en tódolos ámbitos da sociedade, para conseguir un maior aproveitamento do talento feminino. López Abella sinalará que as claves do cambio son a formación, o traballo, a toma de decisións equilibradas e a discriminación positiva.
Na mesma liña, López Abella referirase ao VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes, que tenta potenciar unha participación máis ampla das mulleres no desenvolvemento económico e social de Galicia, aproveitando o talento, a experiencia e a visión deste valioso capital humano para fomentar unha organización empresarial máis comprometida coa igualdade de xénero.