A Xunta reúnese coa Rede Galega contra a Trata para valorar as axudas a programas de atención ás vítimas de explotación sexual

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe en Santiago con representantes das asociacións da Rede Galega contra a Trata  Autor: Ana Varela

Santiago, 17 de febreiro de 2016.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe en Santiago con representantes das asociacións da Rede Galega contra a Trata. O obxectivo deste encontro foi valorar a convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de atención integral para persoas en situación de explotación sexual.

A Secretaría Xeral da Igualdade colabora con estas entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento deste tipo de programas de atención a vítimas de trata, preferentemente inmigrantes, con fins de explotación sexual e/ou laboral, en Galicia, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

Entre as actuacións que realizan estas ONGs están as de asesoramento, apoio e información respecto aos recursos sociais e xurídicos; acompañamento para a realización de trámites administrativos e burocráticos; creación de grupos de apoio para lograr espazos de referencia para o encontro, intercambio e apoio mutuo; e capacitación de mediadoras sociais ou axentes de cambio.

Ademais, tamén se encargan do desenvolvemento das potencialidades e capacidades das beneficiarias, a través de actividades de socialización, educación, formación e integración, con especial incidencia na formación para facilitarlles ó acceso o emprego de novas tecnoloxías; así como a realización de obradoiros sobre diversos temas e o traballo na sensibilización da sociedade sobre a situación das mulleres que están a padecer esta situación.