A Xunta renova o seu programa pioneiro de inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero

A iniciativa, posta en marcha por vez primeira o ano pasado, ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das mulleres vítimas de violencia de xénero para conseguir a súa independencia económica e persoal.

O orzamento para este ano e o próximo ascende a algo máis de 800.000 euros.

O Consello da Xunta aprobou hoxe renovar o programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero que o Goberno galego impulsou de forma pioneira a nivel estatal o pasado ano. A iniciativa dispón dun orzamento de algo máis de 800.000 euros —cofinanciados polo Fondo Social Europeo— que se distribuirán entre este ano e o que vén.

A convocatoria, da cal poden ser beneficiarias entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, ten por obxecto desenvolver programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero. A inserción sociolaboral é un mecanismo fundamental e clave para acadar a independencia económica e persoal necesaria para rachar os vínculos co agresor. Con esta iniciativa, a Xunta mantén o compromiso de articular unha resposta global á problemática da violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias, a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo.

Accións subvencionables

A convocatoria comprende tres tipos fundamentais de accións subvencionables. A primeira son os itinerarios de inserción, que poden comprender accións como a orientación profesional e intermediación laboral, a busca activa de emprego con acompañamento ou o seguimento de inserción nas empresas.

Tamén se subvencionarán actividades de formación para o emprego, que teñen como finalidade formar e capacitar as participantes para o seu acceso ao emprego a través da mellora das súas competencias profesionais, coñecemento e prácticas. Por último, tamén se apoiarán actuacións de conciliación que consistirán, fundamentalmente, na posta á disposición de servizos de atención persoal ou familiar para facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario ou na formación para o emprego. O importe máximo de cada axuda será de 95.000 euros.

Tema: