A Xunta reivindica o liderado e presenza das mulleres galegas no progreso económico e social da Comunidade

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou esta noite na clausura da xornada “Talent Woman Galicia”

A Coruña, 21 de marzo de 2019.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe o papel fundamental que teñen as mulleres galegas en todos os sectores económicos e sociais da comunidade. López Abella resaltou que as mulleres piden paso a través da innovación, o progreso e o talento. Máis en concreto, puxo o foco na necesidade de visibilización das mulleres talentosas e líderes que hai en Galicia.

López Abella clausurou este xoves a xornada “Talent Woman Galicia”, xunto a Rosario García Campelo, especialista en oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña; Raquel Lago, conselleira delegada de Grupo Lagos; Soledad Penalta, artista; e Luz Castro, doutora en informática. Exemplos de mulleres líderes que, como referentes, favorecen o empoderamento feminino e o desenvolvemento persoal e profesional.

A secretaria xeral da Igualdade considerou fundamental apoiar a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo postos de decisión e influencia. López Abella fixo fincapé na importancia de consolidar un sistema educativo comprometido coa igualdade, apoiar o empoderamento económico e social das mulleres e avanzar na corresponsabilidade e na conciliación.

A Xunta de Galicia asumiu un firme compromiso coa sociedade galega en pro da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, compromiso que se vén materializando desde hai anos na creación de medidas e instrumentos xurídicos, políticos, económicos e sociais orientados á supresión dos obstáculos que persisten en distintos campos e que impiden que la igualdade entre os sexos sexa real e efectiva.

Tema: