A Xunta reitera o seu compromiso para conseguir a igualdade real e efectiva das mulleres e homes con discapacidade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá en Ferrol na inauguración do VII Encontro da Muller Xorda de Galicia

Ferrol, 9 de marzo de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá en Ferrol na inauguración do ‘VII Encontro da Muller Xorda de Galicia’, no que destacou que conseguir a igualdade real e efectiva das mulleres e homes con discapacidade constitúe unha das prioridades do Goberno galego.

López Abella explicou que un dos obxectivos da Xunta de Galicia é lograr unha sociedade inclusiva, con espazo para todas e para todos, no que as persoas con algún tipo de discapacidade non se atopen con situacións de desigualdade e condutas discriminatorias.

Por iso, manifestou que a necesaria igualdade básica das persoas con discapacidade nos diferentes ámbitos -educativo, formativo, laboral, económico ou social- ten que ter en consideración a perspectiva de xénero; xa que “contemplar a dimensión de xénero no deseño de políticas en materia de discapacidade é determinante para avanzar cara á igualdade efectiva de oportunidades entre homes e mulleres”.

O ‘VII Encontro da Muller Xorda de Galicia’ celebrouse hoxe no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol baixo o lema “Pola super-ación feminina”. Estivo organizado pola Asociación de Persoas Xordas de Ferrol (AXF) e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). Cos responsables desta última, a secretaria xeral mantivo un encontro fai dúas semanas, no que lles confirmou a súa participación no encontro de hoxe.

Anualmente, a FAXPG concorre á orden que convoca a Secretaría Xeral da Igualdade de axudas a entidades de iniciativa social para programas para mulleres e recursos para xestantes. Nos últimos catro anos Igualdade subvencionou con máis de 100.000 euros o Programa de recursos de apoio dirixidos a mulleres xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas que presenta a Federación.

Tema: