A Xunta reitera o seu compromiso coa loita contra a trata e outorga especial atención ás vítimas desta lacra

Susana López Abella inaugurou hoxe as IV Xornadas contra a trata “Menores vítimas de seres humanos”, organizadas pola Rede Galega de Loita contra a Trata

O goberno galego colabora dende o ano 2010 coa Rede Galega contra a Trata mediante diferentes convenios de colaboración, que a día de hoxe suman máis de 2 millóns de euros e que posibilitaron a atención a case 21.000 persoas

A titular de Igualdade lembrou que un dos obxectivos do VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes é outorgar unha atención integral e específica ás mulleres vítimas da trata de seres humanos con fins de explotación sexual

A Coruña, 25 de setembro de 2015.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella reiterou hoxe no marco das IV Xornadas contra a trata “Menores vítima de seres humanos”, o compromiso do goberno galego coa loita contra a trata, outorgándolle especial atención ás vítimas desta lacra, e ofrecendo apoio e protección ás persoas que sofren as súas consecuencias.

As Xornadas foron organizadas Rede Galega de Loita contra a Trata de Mulleres, ás que a titular de Igualdade agradeceu o seu traballo e esforzo e felicitou polo recoñecemento que o goberno e a sociedade galego manifestoulle coa entrega da Medalla Castelao este mesmo ano.

O goberno galego colabora dende o ano 2010 ca Rede galega contra a trata mediante diferentes convenios de colaboración, que a día de hoxe suman máis de 2 millóns de euros e que posibilitaron á atención a case 21.000 persoas, mediante os programas de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral.

A Secretaría Xeral da Igualdade asina anualmente un convenio de colaboración con once ONGs que axudan a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata con fins de explotación sexual que hai na nosa comunidade. As entidades coas que se renovou esta o convenio de colaboración para este 2015 son Oblatas Ferrol, Accem, Adoratrices Ourense, Cáritas Lugo, Aliad-Utreira, Cáritas Ourense, Cáritas Santiago, Cruz Roja, Ecos do Sur, Faraxa, e Médicos do Mundo, que reciben un total de 328.000 euros.

Entre as actuacións que realizan estas ONGs están as de asesoramento, apoio e información respecto aos recursos sociais e xurídicos; acompañamento para a realización de trámites administrativos e burocráticos; creación de grupos de apoio para lograr espazos de referencia para o encontro, intercambio e apoio mutuo; capacitación de mediadoras sociais ou axentes de cambio; desenvolvemento das potencialidades e capacidades das beneficiarias, a través de actividades de socialización, educación, formación e integración, con especial incidencia na formación para facilitarlles ó acceso o emprego de novas tecnoloxías; a realización de obradoiros sobre diversos temas e o traballo na sensibilización da sociedade sobre a situación das mulleres que están a padecer esta situación.

Durante as Xornadas, López Abella lembrou que un dos obxectivos do VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes é outorgar unha atención integral e específica ás mulleres vítimas da trata de seres humanos con fins de explotación sexual.