A Xunta reitera o compromiso co colectivo LGTBI incluíndo este ano nos orzamentos unha partida específica

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou hoxe os convenios de colaboración coas asociacións Chrysallis-Galicia e Nós Mesmas

López Abella indicou que o obxectivo é apoiar ás organizacións e entidades que desenvolven actividades de promoción e defensa dos dereitos e intereses de gais, lesbianas, transexuais, bisexuais e intersexuais

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou hoxe os convenios de colaboración coas asociacións Chrysallis-Galicia e Nós Mesmas

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reiterou o compromiso do Goberno galego que este ano, por primeira vez, destina unha partida específica nos orzamentos 2017, para as asociacións, organizacións e colectivos LGTBI.

Susana López Abella asinou hoxe os convenios de colaboración cos colectivos Chrysallis-Galicia e Nós Mesmas, onde indicou o firme compromiso do Goberno galego para garantir que todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero, poidan exercer plenamente os seus dereitos con dignidade e liberdade.

O obxectivo do Goberno galego, segundo indicou a titular de Igualdade, é apoiar ás organizacións e entidades que desenvolven actividades de promoción e defensa dos dereitos e intereses de gais, lesbianas, transexuais, bisexuais e intersexuais. Cada convenio conta cun orzamento de 3.000 euros para que as asociacións poidan levar a cabo actividades e programas dirixidos á promoción, aplicación e desenvolvemento de actuacións e medidas destinadas a avanzar no fomento e a promoción da igualdade de oportunidades, da visibilidade, sensibilización e da non discriminación do colectivo LGTBI.

López Abella lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade autónoma que contou cunha lei que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI, sendo unha lei integral na que se inclúen medidas con carácter transversal que abranguen a todos os ámbitos, policial, xudicial, laboral, familiar, da saúde, educación, cultura, do deporte, da comunicación e da xuventude.

Tema: