A Xunta reitera a importancia do emprendemento feminino como motor de innovación e crecemento para impulsar a reactivación económica

Susana López Abella participou hoxe na inauguración do Encontro Atalanta: A creación de empresas de base tecnolóxica promovidas por mulleres, que tivo lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Dada a importancia que as TIC teñen no no desenvolvemento da economía da nosa Comunidade Autónoma, a análise da presenza da muller no mesmo é crucial para a sustentabilidade do sector, destacou López Abella

  • Susana López Abella participou hoxe na inauguración do Encontro Atalanta: A creación de empresas de base tecnolóxica promovidas por mulleres
  • Susana López Abella participou hoxe na inauguración do Encontro Atalanta: A creación de empresas de base tecnolóxica promovidas por mulleres

Santiago, 21 de outubro de 2015.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella reiterou hoxe a importancia do emprendemento feminino coma motor da innovación e do crecemento para impulsar a reactivación económica na nosa comunidade.

Susana López Abella, participou hoxe na inauguración do “Encontro Atalanta: A creación de empresas de base tecnolóxica promovidas por mulleres”. No acto de inauguración tamén participaron o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño; a directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, Rosa Urbón Izquierdo; a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Emilia Vázquez Rozas e o adxunto ao Reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez,

López Abella relatou que tanto as políticas de apoio ao emprego por conta propia e a creación de empresas como as políticas de competitividade empresarial resultan prioritarias dentro da Estratexia Europa 2020, e resulta inevitable prestar especial atención á implicación da muller neste ámbito en tanto representa un grupo social relevante no que a creación de empresas se refire. Por iso, incidiu que é imprescindible incidir nas diferenzas da figura da potencial emprendedora, os seus trazos psicosociais, os estímulos e os principais obstáculos que atopan as mulleres ao iniciar unha actividade empresarial.

No marco do encontro que que ten coma tema principal o emprendemento das mulleres no ámbito científico e tecnolóxico, a titular de Igualdade destacou que durante o ano pasado constituíronse en Galicia 4.246 novas empresas con 5.394 socios/as fundadores/as, sendo mulleres o 26,6%, porcentaxe moi similar á dos dous anos anteriores, e que pon de manifesto, tamén, a presenza de mulleres na xeración de novas iniciativas emprendedoras, ao tempo que diminúe a súa diferenza con respecto aos homes ao longo do proceso.

Finalmente,Susana López Abella fixo especial fincapé que dada a importancia que o Sector TIC está a ter no desenvolvemento da economía da nosa comunidade Autónoma, a análise da presenza da muller no mesmo é crucial para a sustentabilidade do sector. Polo que a igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida de todas as persoas, o resultado é aquel que cada unha se constrúe co seu esforzo, co seu traballo, e co seu talento, sendo o máis importante non poñerse metas, e sobre todo, non poñer límites a esas metas.