A Xunta reforza a promoción da igualdade nos concellos coa concesión de anticipos de ata o 80 por cento nas axudas

A secretaria xeral de Igualdade explicou hoxe en rolda de prensa a convocatoria 2014 de axudas e subvencións para a promoción da igualdade nas entidades locais galegas

Multimedia

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa  Autor: Xoán Crespo
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa  Autor: Xoán Crespo
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa  Autor: Xoán Crespo
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa  Autor: Xoán Crespo

Santiago, 6 de maio de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe o reforzo do Goberno galego na promoción da igualdade nos concellos ca concesión de anticipos de ata o 80 por cento nas axudas e subvencións para a promoción da igualdade nas entidades locais galegas durante o 2014.

Segundo destacou a secretaría xeral da Igualdade, con esta convocatoria pretendese apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de igualdade, de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén apoiar a Rede de Centros de Información ás Mulleres existentes en Galicia (80).

A resolución que se publicará no día de mañá no DOG ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, ás entidades locais de Galicia, de forma individual ou mediante o sistema de xestión compartidas, destinadas a facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes, mediante a realización de actuacións dirixidas a favorecer a igualdade de oportunidades e de trato, á conciliación da vida persoal, familiar e laboral; á participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural e á erradicación da violencia de xénero.

A convocatoria é en réxime de concorrencia competitiva e está destinada tanto a entidades locais que presenten as súas solicitudes de xeito individual como mediante o sistema de xestión compartida. O seu orzamento é de 3,4 millóns de euros, cofinanciados ao 80 por cento polo Fondo Social Europeo.

Existen tres tipos de programas subvencionables: programas de promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero; programas de de fomento da conciliación; e programas de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM).

A primeira destas liñas está destinada a medidas como a elaboración e avaliación de plans de Igualdade, accións de capacitación do persoal municipal ou a realización de actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil. Ademais, tamén destinaranse a accións de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local nesta liña de axudas é de 10.000 euros no caso de solicitude individual e ata 20.000 euros se é unha solicitude conxunta.

O segundo programa, o destinado ao fomento da conciliación, subvenciona todas aquelas medidas, accións ou programas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste segundo programa, a contía máxima será de 12.000 euros para as solicitudes individuais e ata 20.000 euros nas conxuntas.

Por último, o programa dedicado aos CIMs, ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. A contía máxima por este programa é de 45.000 euros, se é de xeito individual, e ata 100.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

Ademais, como vén sendo habitual, impulsaranse os proxectos de xestión compartida, polo que se priorizarán as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, que recibirán ata 40 puntos por este feito. Os concellos que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración relativo a esta agrupación ou asociación. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Tema: