A Xunta reforza a loita contra a violencia de xénero cun novo marco legal que loitará contra a discriminación múltiple e recoñecerá dereitos ás mulleres rurais e do mar

Multimedia

 A Xunta reforza a loita contra a violencia de xénero cun novo marco legal

Ames (A Coruña), 1 de decembro de 2022.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na XII xornada Achégate á igualdade coidadosamente, no Concello de Ames, na que puxo en valor as medidas que Galicia está a deseñar coa nova lei de igualdade e na coordinación coas entidades locais para eliminar as desigualdades e combater a violencia de xénero.

López Abella lembrou que a comunidade galega “é pioneira na promoción de políticas públicas e no impulso de instrumentos legais dirixidos a eliminar as distintas formas de discriminación por razóns de xénero”, e puxo en valor o novo marco legal no que traballa a Xunta de Galicia para “impulsar políticas públicas que incidan de xeito especial na eliminación dos obstáculos que agravan as desigualdades para as mulleres rurais e do mar, sen esquecer tampouco as situacións de especial vulnerabilidade daquelas mulleres que sofren distintas formas de discriminación, ou a súa expresión máis cruenta, a violencia de xénero”.

A Administración autonómica, tal e como engadiu, seguirá a impulsar a actividade da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, que conta con máis de douscentos membros, que permiten reforzar, coas súas actuacións, “a prevención e detección precoz de situacións de risco, a través da mobilización e implicación de toda a sociedade fronte ao maltrato e a xeneralización da tolerancia cero contra a violencia machista”, dixo a secretaria xeral da Igualdade.