A Xunta reforza a atención á muller e as accións de prevención da violencia de xénero, conciliación e sensibilización en igualdade na área territorial de Pontevedra

A Secretaría Xeral da Igualdade destina máis de 1,1 M€ ao sostemento de 17 CIM que atenden a 27 concellos e ao despregamento de 46 programas de equidade e loita contra a violencia machista

A titular de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, manteñen unha xuntanza cos 17 centros da área territorial para abordar o seu funcionamento

Multimedia

 A Xunta reforza a atención á muller e as accións de prevención da violencia de xénero, conciliación e sensibilización en igualdade na área territorial de Pontevedra

Pontevedra, 16 de febreiro de 2021.-

A Xunta de Galicia vai reforzar a atención á muller e o desenvolvemento de accións de prevención da violencia de xénero, fomento da conciliación e sensibilización na igualdade ao longo do presente exercicio nos 47 concellos da área territorial de Pontevedra

Estas iniciativas foron abordadas nunha xuntanza telemática celebrada esta mañá entre a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, coas responsables dos 17 centros de información á muller (CIM) da área territorial, na que se tratou o seu funcionamento e a posta a disposición de diferentes recursos por parte do Goberno galego para o presente ano.

Así, a Xunta seguirá sostendo axudas e recursos para a atención a vítimas de violencia de xénero, como as prestacións económicas, asistencia psicolóxica e xurídica, a través dos CIMs, así como a Rede de Casas de Acollida de Galicia entre outros recursos. Neste punto, concretáronse as novas iniciativas para previr e intervir ante a violencia machista, como consecuencia da covid-19.

Ademais, tamén vanse reforzar os programas de conciliación da vida familiar e laboral e ábrese a posibilidade de establecer vías de colaboración nesta materia cos concellos ao tempo que se manteñen operativos os centros de acollida e se potencia a colaboración coa Rede Galega contra a Trata para atender situacións de especial vulnerabilidade.

O Plan de Reforzo tamén inclúe a ampliación do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, chegando a Xunta a asumir o 100% do seu custo, e a actividade, as 24 horas do día, da atención telefónica a través do número 900 400 273. Tamén permanecerá operativo o asesoramento xurídico en liña e as terapias de apoio psicolóxico, nas modalidades presencial, telemática e telefónica, para todas as mulleres, con especial relevancia para as vítimas de violencia sexual.

A Xunta destinou o pasado ano máis de 1,1 millóns de euros ao mantemento de 17 centros de información á muller, que atenden a 27 concellos, na área territorial de Pontevedra e tamén ao desenvolvemento de 46 programas de equidade, conciliación e sensibilización e de loita e prevención contra a violencia de xénero.