A Xunta reafirma o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero cun curso impartido aos profesionais da psicoloxía

  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración do curso e destacou que o sistema sanitario é clave para a detección precoz destes casos debido ao seu contacto coas vítimas
  •  A Xunta reafirma o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero cun curso impartido aos profesionais da psicoloxía

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2019.-

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración dun curso básico de formación en perspectiva de xénero e violencia de xénero para profesionais da psicoloxía clínica e sanitaria, que se imparte na facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago.

Este curso está organizado de acordo ao convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Sanidade, para dar cumprimento aos obxectivos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que conta cun orzamento de 290.000 euros. A formación está encamiñada a ofrecer aos profesionais da psicoloxía no ámbito da saúde unha preparación básica e especializada en xénero, perspectiva de xénero e violencia de xénero, que garanta unha mellor resposta asistencial. 
Con esta formación preténdese sensibilizar aos profesionais sanitarios sobre o impacto na saúde da violencia de xénero; optimizar a prevención, detección e atención dos seus efectos; adecuar a actuación profesional á demanda; e mellorar a coordinación e derivación para dar cobertura ás persoas afectadas. 
A secretaria xeral de Igualdade destacou que os servizos sanitarios desempeñan un papel crucial para axudar ás mulleres que sofren violencia de xénero. López Abella explicou que o sistema sanitario é “unha das primeiras portas de entrada e de contacto destas mulleres cos servizos públicos” e, por tanto, os profesionais sanitarios son as primeiras persoas ás que as mulleres vítimas de violencia de xénero piden axuda. Por iso, insistiu en que a detección da situación de violencia por parte do persoal sanitario “predisporá á ruptura do silencio e suporá o primeiro paso para a visualización do problema”. 
O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero recolle o impulso da formación dos distintos axentes para que garanta a mellor resposta asistencial. No caso dos centros sanitarios propón a utilización das consultas médicas como plataformas informativas sobre a violencia de xénero, así como a elaboración de protocolos de detección precoz a través dunha maior formación especializada.