A Xunta reafirma o seu apoio ás mulleres con discapacidade que residen no rural

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Arzúa o taller organizado por Acadar, no marco do programa ‘Re_Activa.Servizo de atención integral a mulleres con discapacidade’

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Arzúa o taller organizado por Acadar, no marco do programa ‘Re_Activa.Servizo de atención integral a mulleres con discapacidade’

Arzúa (A Coruña), 18 de xullo de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Arzúa un dos obradoiros do programa Re_activa, unha iniciativa impulsada pola asociación Acadar e que está dirixida a mulleres con algún tipo de discapacidade, especialmente a aquelas que residen no rural ou en zonas pouco poboadas.

A Xunta colabora con esta iniciativa a través da orde de axudas e subvencións para as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro con programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade. En concreto, ao abeiro desta convocatoria, o programa Re_activa recibiu unha subvención de máis de 38.347 euros.

Re_Activa

O programa ten como obxectivo xeral proporcionar unha atención integral ás mulleres con discapacidade potenciando as súas capacidades e competencias para o desenvolvemento dunha vida autónoma.

No marco do programa ofrécese información sobre os recursos e servizos dispoñibles para as mulleres con discapacidade; deseño de estratexias individuais para favorecer a adquisición ou recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais; promove crenzas racionais e actitudes positivas que potencien o desenvolvemento persoal da mulleres, incrementando a súa autoestima e fomentando estados de ánimo positivos; fomenta a comunicación entre as persoas de cara a reducir e/ou resolver conflitos.

Ademais, ten tamén como obxectivos, mellorar habilidades sociais básicas así como a comunicación verbal e non verbal, fomentar o empoderamento das mulleres para que tomen o control da súa propia vida; dotar ás mulleres das ferramentas e recursos suficientes para que poidan facer fronte a posibles situacións de violencia e/ou maltrato; e fomentar a creación de redes de apoio entre as mulleres beneficiarias do programa, especialmente nas residentes de zonas pouco poboadas.

Tema: