A Xunta ratifica en Moraña o seu apoio ás mulleres rurais e destaca que a promoción do asociacionismo feminino garante a igualdade de oportunidades

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na celebración do 30 aniversario da Asociación de Mulleres Rurais O Menhir, á que agradeceu as tres décadas de traballo asociativo

Destacou que a Xunta continuará fortalecendo os apoios ás organizacións de mulleres, ao tempo que fomentará novas formas de asociacionismo para as mulleres do agro e do mar

Apuntou que unha das prioridades do Goberno galego é reforzar os mecanismos de prevención e protección fonte á violencia de xénero nas zonas rurais

  • A Xunta ratifica en Moraña o seu apoio ás mulleres rurais e destaca que a promoción do asociacionismo feminino garante a igualdade de oportunidades
  • A Xunta ratifica en Moraña o seu apoio ás mulleres rurais e destaca que a promoción do asociacionismo feminino garante a igualdade de oportunidades
  • A Xunta ratifica en Moraña o seu apoio ás mulleres rurais e destaca que a promoción do asociacionismo feminino garante a igualdade de oportunidades
Moraña (Pontevedra), 17 de setembro de 2022.-
 
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Moraña, na celebración do 30 aniversario da Asociación de Mulleres Rurais O Menhir, o compromiso da Xunta coas mulleres rurais de Galicia, destacando que o fomento do asociacionismo feminino garante a igualdade de oportunidades. López Abella, quen agradeceu as tres décadas de traballo asociativo á entidade O Menhir, indicou que a Xunta seguirá fortalecendo os apoios ás organizacións de mulleres, ao tempo que fomentará novas formas de asociacionismo para as mulleres do agro e do mar. “No Goberno galego estamos comprometidos co impulso do acceso das mulleres ás esferas de decisión e co fomento do seu liderado”, engadiu.
 
A secretaria xeral da Igualdade destacou o pulo adquirido polo asociacionismo feminino do rural nas últimas décadas, aínda que indicou que é preciso seguir incidindo na participación das mulleres en órganos directivos e nos espazos de decisión das organizacións agrarias e pesqueiras (confrarías, xuntas de cooperativas, comunidades veciñais ou órganos reguladores de denominación de orixe). “É necesario seguir visibilizando a contribución das mulleres á transformación do medio rural, á innovación e á fixación de poboación e é importante seguir desmontando estereotipos sexistas”, resaltou.
 
López Abella, ademais, explicou que outra das prioridades da Xunta no medio rural é seguir reforzando os mecanismos de prevención e protección fronte á violencia de xénero, para o que sinalou a importancia de desenvolver accións de información e concienciación social contra esta lacra social adaptando as diferentes actuacións ás características específicas das pequenas poboacións. “Distintos factores sociolóxicos poden facer máis difícil no rural que nas contornas urbanas a detección e a denuncia destas situacións, así como o acceso aos recursos”, subliñou.
 
Para rematar, puxo en valor a convocatoria de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres na que tomaron parte en 2021 un total de 65 asociacións de mulleres e 28 federacións e confederacións de mulleres. Os apoios autonómicos permitiron a realización de 200 actuacións en 109 concellos nas que participaron 16.300 mulleres e 2.900 homes.
 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ademais, conta con apoios a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade aos que se destinaron en 2021 un total de 1,4 millóns de euros e foron beneficiarias 77 organizacións. Tamén convócanse cada ano as axudas para financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero dirixidas ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos. Esta orde contou o pasado exercicio cun orzamento de 400.000 euros, un investimento que chegou a 820 Ampas e permitiu o desenvolvemento de 506 accións de formación ou difusión coas familias e 986 co alumnado.