A Xunta promove un programa para combater a violencia de xénero entre as mulleres inmigrantes

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, explicou que o obxectivo do proxecto europeo ‘Draw the line’ é formar a mulleres para que se convertan en líderes das súas comunidades e axuden a previr e combater esta lacra

Actualmente, hai oito mulleres en Galicia que están exercendo ese rol en grupos procedentes de América Latina, Brasil, Senegal e Romanía

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, deu conta hoxe en comisión parlamentaria da fase na que se atopa actualmente o proxecto europeo Draw the line (debuxa a liña), que ten como obxectivo previr e combater a violencia de xénero entre as mulleres inmigrantes.

O principal obxectivo desta iniciativa é formar a mulleres inmigrantes que viven en Galicia para axudar a entender e combater a violencia de xénero. Deste xeito, trabállase con elas para que se convertan en líderes das súas comunidades e poidan exercer así un efecto multiplicador á hora de sensibilizar e tomar conciencia sobre o acoso sexual e a violencia.

Actualmente, en Galicia hai oito mulleres que están exercendo este rol. Para organizar este traballo, téñense constituído catro grupos étnicos ou lingüísticos con mulleres procedentes de América latina, Brasil, Senegal e Romanía. Deste xeito, grazas á etnia, idioma ou cultura en común as mulleres líderes poden lograr unha perspectiva do problema máis próxima e establecer unha relación de maior confianza.

Entre as actividades do proxecto destacan os obradoiros formativos e informativos nas principais cidades galegas, e a través dos que se prevé chegar a 150 mulleres. No marco da iniciativa tamén se traballa para fortalecer ás líderes das comunidades; prepárase un plan de estudos para a o persoal técnico de servizos sociais para que axuden a estas mulleres a tomar medidas activas contra a aparición de casos de acoso sexual; e facilítase que formen grupos de autoaxuda.

O proxecto estase a levar a cabo, ademais, coa colaboración da Rede galega contra a trata e inclúe na súa planificación a celebración de catro encontros multinacionais para compartir boas prácticas. Xa se celebraron dúas xuntanzas destas características: a primeira en Londres (Reino Unido), e a segunda en Sofía (Bulgaria) hai uns días.

Tema: