A Xunta promove a conciliación a través de actividades deportivas para máis de 8.000 menores de ata 16 anos

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentaron o programa de animación sociodeportiva enmarcado no Plan Corresponsables

A Xunta inviste máis de 2,5 millóns de euros nesta iniciativa a prol do desenvolvemento integral saudable da rapazada

  • A Xunta promove a conciliación a través de actividades deportivas para máis de 8.000 menores de ata 16 anos
  • A Xunta promove a conciliación a través de actividades deportivas para máis de 8.000 menores de ata 16 anos
  • A Xunta promove a conciliación a través de actividades deportivas para máis de 8.000 menores de ata 16 anos

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022.-

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentaron hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o programa de animación sociodeportiva previsto ao abeiro do Plan Corresponsables. A través da iniciativa, máis de 8.000 menores de ata 16 anos realizarán actividades de conciliación da man de 18 federacións deportivas.

A presentación tivo lugar nun acto no que tamén interveu o presidente da Federación Galega de Balonmán e vicepresidente da Unión de Federacións Deportivas Galegas, Bruno López. O evento, que contou coa presenza da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, xuntou responsables das distinta federacións que se sumaron ao programa, así como rapazada participante.

Ao abeiro da iniciativa desenvolveranse máis de 500 actividades en arredor de 150 concellos, para o que se habilitarán servizos de coidado profesional que van permitir a contratación de 250 persoas monitoras. O investimento da medida ascende a máis de 2,5 millóns de euros.

As accións de animación executaranse a través dos distintos programas das federacións deportivas que contan cun proxecto no marco do Plan Corresponsales, como son Baloncesto, Balonmán, Bolos, Boxeo, Esgrima, Fútbol, Halterofilia e Hóckey. Figuran tamén Loita, Montañismo, Piragüismo, Salvamento e Socorrismo, Squash, Surf, Taekwondo, Tenis, Triatlon e Péntatlon Moderno e Vela.

Segundo sinalou o vicepresidente segundo, o obxectivo desta iniciativa é fomentar a práctica deportiva entre a poboación máis nova, achegándolle distintas modalidades e favorecendo así a convivencia e o xogo en equipo desde as idades máis temperás.

Diego Calvo agradeceulles á federacións deportivas participantes a súa implicación neste programa de conciliación, co que poden tamén promover a súa actividade e contribuír á xeración de emprego. Para o vicepresidente segundo, o deporte demostra unha vez máis “a súa capacidade de unión e de contribución ao benestar social e, en especial, ao das familias e da rapazada”

O Plan Corresponsables forma parte da colaboración da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes coa Consellería de Promoción do Emprego en Igualdade na área de deportes. Nesta liña, xa en 2019 se asinaron convenios con federacións deportivas galegas para o patrocinio da campaña NON contra a violencia de xénero; en 2020 apoiouse a participación da representación galega olímpica e paralímpica en Tokio; e o pasado ano reforzouse o plan de patrocinio contra a violencia de xénero dos equipos de alta competición femininos.

A favor da conciliación

A conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pola súa banda, agradeceu a cooperación e o traballo das entidades que están a participar nesta iniciativa, xa que, segundo apuntou, “se converten en axentes colaboradores indispensables na loita pola igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos menores ao cargo, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportivas.  En palabras de Lorenzana, o camiño cara a igualdade pasa por “redefinir os roles de xénero para liberarnos de estereotipos e prexuízos herdados e avanzar cara unha conciliación familiar máis corresponsable e saudable”.

Ao eido da conciliación e a corresponsabilidade, só a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que a anualidade anterior, en programas entre os que destacan, entre outros, o apoio á conciliación de 12.000 familias galegas con bolsas de coidado profesional para menores de 16 anos, en colaboración con concellos, Anpas e entidades de iniciativa social (6,7 millóns); as bolsas de coidado profesional e actividades en bibliotecas, arquivos e museos para menores de 16 anos, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (preto de 350.000 euros); o programa de lecer en albergues e espazos xuvenís para 7.000 familias con menores de 16 anos, en cooperación coa Consellería de Política Social e Xuventude (3 millóns); e as actividades socio deportivas que benefician a máis de 8.000 nenas e nenos galegos (2,5 millóns).