A Xunta pretende integrar a perspectiva de xénero en todas as súas accións de cara ao novo período 2014-2020

Susana López Abella acudiu ao Parlamento para explicar o traballo da Comisión interdepartamental de Igualdade, creada o pasado mes de marzo

Entre xuño e xullo ofreceuse formación específica en igualdade aos encargados de decidir os programas, proxectos e estratexias de cada departamento da Xunta

Santiago, 3 de outubro de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou esta mañá no Parlamento que a Comisión interdepartamental de Igualdade avanza no seu cometido de integrar a perspectiva de xénero en todas as accións da Xunta; o que favorecerá o acceso ás axudas europeas no próximo exercicio 2014-2020.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, López Abella explicou que con este obxectivo está a traballar o grupo técnico formado por representantes da Secretaría Xeral da Igualdade e de todos os departamentos do Goberno galego.

A este respecto hai que salientar que o borrador de regulamento do marco estratéxico común da UE establece como unha condición indispensable para poder acceder aos fondos estruturais no novo período orzamentario, a incorporación da perspectiva de xénero tanto no deseño como no desenvolvemento dos programas operativos.

A Comisión interdepartamental de Igualdade constituíuse o pasado mes de marzo e, entre outros asuntos, está encargada do seguimento da aplicación da Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero; e do enriquecemento, revisión e implantación das 320 actuacións recollidas no VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes.

A Comisión esta presidida polo vicepresidente da Xunta -o encargado de coordinar a planificación interdepartamental do Executivo autonómico- e vicepresidida pola secretaria xeral da Igualdade. Ademais, formarán parte dela todas as consellerías do Goberno galego, prestando especial atención á colaboración coas de Educación, Sanidade, Traballo e Benestar e ás áreas de xustiza, emerxencias e administración local.

Formación en igualdade

Por último, a secretaria lembrou que a través desta Comisión tamén se levou a cabo un programa de formación específica para todos os departamentos da Xunta. Esta formación consistiu en varias xornadas informativas/formativas impartidas polo persoal técnico de Igualdade a todos os departamentos da Xunta e tivo lugar entre os meses de xuño e xullo deste ano.

O obxectivo destas xornadas foi sensibilizar e facilitar ferramentas en materia de xénero e igualdade ao encargados de decidir os programas, proxectos e estratexias que se van a desenvolver en cada departamento; así como de facilitar ao persoal técnico as directrices coas que traballar.

Tema: