Santiago de Compostela, 9 de abril de 2022.-
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de manter unha xuntanza coa Rede Galega contra a Trata para avaliar os programas e as liñas de colaboración que a Xunta mantén desde hai anos con esta plataforma, que o Goberno galego apoia desde 2009 con 20,6 millóns de euros.
Lorenzana puxo en valor o traballo que desenvolven estas asociacións en materia de prevención e sensibilización e nas actuacións de emerxencia que realizan. A Rede Galega contra a Trata é unha plataforma de organizacións que teñen como obxectivo de traballar na visibilización e loita contra a trata sexual de mulleres en Galicia. Concretamente, agrupa a entidades e persoas de acreditada experiencia na intervención e investigación desta grave vulneración de dereitos humanos. No 2015, foi galardoada coa Medalla Castelao.
Precisamente, para seguir loitando contra esta lacra, que está recoñecida pola lexislación galega como unha forma de violencia de xénero, a Xunta está ultimando o I Plan galego contra a trata e a explotación sexual, un documento que se presentará antes do verán e no que se incorporarán medidas novidosas para previr, sensibilizar e facer fronte a estas situacións que supoñen unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade da persoa, e constitúen unha forma de delincuencia grave, que na maioría das ocasións implica organizacións delituosas ás que proporciona importantes beneficios baseados na utilización das persoas con distintos fins de explotación.
A Consellería de Emprego e Igualdade, ademais das liñas de colaboración que mantén coa Rede Galega contra a Trata, ten posto a disposición da cidadanía a Guía básica de consulta sobre a trata de persoas con fins de explotación sexual. Este documento pretende ser referencia para axudar a coñecer esta problemática social, as súas consecuencias, e promover pautas de actuación ante a identificación de posibles situacións deste tipo.
A publicación recolle 39 recomendacións para abordar a trata con fins de explotación sexual desde o ámbito das Forzas de Seguridade, xurídico, sanitario, social, educativo e dos medios de comunicación.
A Administración galega traballa co compromiso firme de dar unha resposta específica á situación de extrema vulnerabilidade na que se atopan as vítimas de explotación sexual. Así, o I Plan galego contra a trata e a explotación sexual será exemplo de que Galicia está a reforzar os mecanismos de información e a colaboración institucional así como os apoios ás entidades que traballan para a protección destas mulleres e nenas.