A Xunta presenta en Pontevedra as axudas aos concellos para a promoción da igualdade ás que a Xunta destina 3,3 millóns de euros

A nova convocatoria de subvencións que ven de saír publicada no DOG prioriza as solicitudes presentadas conxuntamente e contempla a concesión de anticipos de ata o 60% da subvención concedida

Engloba a promoción da igualdade entre homes e mulleres, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantiveron esta mañá un encontro cos representantes municipais da área de Vigo para informarlles da orde das axudas

O ano pasado un total de 9 concellos da área de Vigo beneficiáronse destas axudas a través de 22 programas subvencionados por un importe de 305.923 euros.

Multimedia

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella presentou hoxe aos alcaldes da provincia, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a convocatoria de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade

Vigo, 11 de xuño de 2013. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, informaron esta mañá aos representantes municipais dos concellos da área territorial viguesa da convocatoria de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade, nas que o Goberno galego destina 3,3 millóns de euros -cofinanciados nun 80 por cento polo Fondo Social Europeo- e que ven de saír publicada recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A convocatoria engloba tres programas de colaboración coas entidades locais: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero; o fomento da conciliación; e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM). O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 3 de xullo.

No ano 2012, no caso de Vigo e a súa área, un total de 9 concellos beneficiáronse destas axudas e foron 22 os programas subvencionados cun importe total de 305.923 euros para: 10 programas para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero (29.588 euros); 4 programas para o fomento da conciliación (31.697 euros) e, por último, 8 programas para o apoio aos CIMs (244.638 euros). Concretamente, os concellos beneficiarios que recibiron subvención foron: Baiona (30.247 euros); Cangas (38.961 euros); Gondomar (38.480 euros); Moaña (8.400 euros); Nigrán (31.490 euros); Redondela (43.650 euros); Soutomaior (22.915 euros); Vigo (61.060 euros) e O Porriño (30.720 euros).

Ademais, este ano, e coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, impulsaranse os proxectos de xestión compartida, polo que se priorizarán as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local. Este ano tamén se terá en conta na convocatoria aqueles concellos galegos que estean adheridos á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero.

Así mesmo, as bases reguladoras contemplan a concesión de anticipos de ata o 60 por cento das axudas concedidas, contribuíndo a que as entidades locais dispoñan dos recursos cando realmente os precisan, máxime neste momento coxuntural no que se atopan nunha situación financeira delicada e reciben maior demanda de servizos.

O Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes está destinado a medidas como actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil ou elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades; a liña de prevención e tratamento da violencia de xénero, a accións de prevención deste problema e intervencións de carácter integral coas vítimas. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso de solicitude individual e ata 15.000 euros se é unha solicitude conxunta.

Pola súa banda, o programa destinado á conciliación subvenciona todas aquelas accións que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste segundo programa, a contía máxima será de 12.000 euros para as solicitudes individuais e ata 18.000 euros nas conxuntas.

Por último, o programa dedicado aos CIM ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. A contía máxima por este programa é de 45.000 euros, e ata 70.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

Tema: