A Xunta presenta en Ourense a súa campaña para implicar ás asociacións veciñais na loita contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, realizou un chamamento á responsabilidade conxunta da cidadanía á hora de denunciar situacións de violencia de xénero

Ourense, 7 de febreiro de 2018.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en Ourense unha campaña impulsada pola Xunta para sensibilizar ás asociacións veciñais sobre a violencia de xénero e implicalas na loita contra esta lacra. No acto estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez.
 
A campaña vai dirixida ás asociacións de veciños e veciñas porque, pola súa proximidade, poden exercer un papel fundamental á hora de detectar estas situacións e axudar ás vítimas. Neste sentido, a secretaria xeral recordou que a violencia de xénero non é un problema privado, senón do conxunto da sociedade, polo que realizou un chamamento á cidadanía para que denuncie cando teña coñecemento destes casos.
 
Durante o acto, a Xunta explicou aos participantes como detectar estas situacións e a quen recorrer cando se producen. Ademais, fixo entrega dun tríptico con estes consellos e recomendacións, expostos de xeito sinxelo e práctico.
 
Esta campaña inscríbese no compromiso da Xunta na loita contra a violencia de xénero, unha prioridade para o conxunto do Goberno. A Administración autonómica ten posto en marcha un amplo abano de medidas que van desde a prevención ata as axudas directas, e dentro das que a sensibilización da sociedade é un eixo fundamental.
 
Así, por exemplo, en liña con esta campaña entre as asociacións veciñais, a Xunta xa asinou o ano pasado un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Administradores de Fincas (COAFGA) e a Asociación Española de Auditores Socio-Laborais (CEAL). A súa principal finalidade é contar coa súa colaboración na prevención e detección de situacións de violencia de xénero nas comunidades de propietarios e propietarias nas que están presentes.
 
Xa no que se refire ao resto de programas e proxectos para loitar contra a violencia de xénero, o Goberno galego ofrece ás vítimas axudas económicas, atención médica e psicolóxica, e formación e asesoramento legal, entre outras accións. Este compromiso reflíctese tamén a nivel orzamentario. De feito, a partida destinada a este fin nas contas do 2018 é practicamente o dobre do que había hai 5 anos. 
Tema: