A Xunta porá á muller rural como eixo fundamental do VIII Plan estratéxico de igualdade

A Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, pechou o acto da XVII edición do Foro da Igualdade en Verín (Ourense), que tivo como tema central nesta xornada as violencias machistas

A representante do Goberno autonómico puxo o acento na necesidade de potenciar a imaxe da muller no medio rural como axente imprescindible contra o despoboamento e a favor da revitalización

López Abella puxo como principais eidos de traballo na loita pola igualdade a conciliación das mulleres, a redistribución económica e de responsabilidades e o fortalecemento do papel da muller rural no tecido asociativo


  • A Xunta porá á muller rural como eixo fundamental do VIII Plan estratéxico de igualdade
  • A Xunta porá á muller rural como eixo fundamental do VIII Plan estratéxico de igualdade

Verín (Ourense), 5 de xuño de 2021. - 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou o XVII Foro de Igualdade no concello de Verín (Ourense), destacando o papel da muller rural na consolidación do medio rural e na reactivación da súa economía e fornecemento das oportunidades que pode ofrecer. Unha muller, declarou a secretaria xeral, “traballadora e habitante do rural” que terá protagonismo no VIII Plan Estratéxico de Igualdade que está a elaborar o Goberno galego. Unha muller que decide vivir e traballar no campo e que posúe características “propias e diferenciais” ás veces descoñecidas dende a óptica urbana xa que estamos nun momento, sostivo a secretaria xeral de Igualdade, onde o rural merece “unha oportunidade que por demografía e por talento vai ter nome de muller”.


A representante da Xunta afirmou que a presenza da muller no rural “demostrou ser clave” para evitar o despoboamento, a masculinización e o envellecemento da Comunidade e recalcou o traballo que o Goberno autonómico realiza a prol da igualdade real de oportunidades en materia de acceso e condicións de emprego, ademais do “apoio ás súas opcións educativas, culturais, de ocio e de acceso a tecnoloxías, servizos e infraestruturas”.

Dentro das áreas prioritarias da Administración autonómica, recalcou a secretaria xeral da Igualdade, está favorecer a loita contra a violencia de xénero por medio de varios convenios de colaboración asinados coas federacións que representan ás mulleres rurais de Galicia como a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) ou a Federación para a Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo).

Dentro das vías de actuación que a Xunta leva implementadas están, desde o ano 2016, as axudas a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero. No ano pasado, destacou López Abella, a Xunta sumou a estas axudas económicas as destinadas ao alugueiro de vivenda e ao fomento da contratación nas entidades locais galegas de mulleres que padeceron violencia de xénero. Galicia, ademais, conta cunha rede de 84 Centros de Información á Muller, cun novo inaugurado onte pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza, no concello de Pereiro de Aguiar (Ourense), que garanten un servizo de proximidade na atención contra as violencias con apoio xurídico e psicolóxico ás vítimas.

O empoderamento das mulleres rurais, o traballo a prol do fornecemento da súa participación e inserción laboral e asociativa son claves para entender un rural próximo, con garantía de futuro e cohesionado en base á redución da fenda de xénero existente no emprego e no emprendemento, tendo por metas, recalcou a secretaria xeral, unha mellora da calidade da vida das mulleres rurais e no conxunto da Comunidade.


Tema: