A Xunta pon en valor as súas políticas de emprego que fan que Galicia sexa líder en emprendemento feminino, afiliacións de autónomas e mulleres na economía social

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe na xornada ‘Liderado e Talento Feminino’ organizada pola Cámara de Comercio da Coruña

En 2022 a Xunta porá en marcha o Plan Emprega Muller con 34,4 millóns de orzamento para impulsar a formación e o talento feminino

A Coruña, 2 de decembro de 2021.-

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, destacou hoxe que as políticas de emprego que a Xunta está a desenvolver nos últimos anos, están a recoller os seus froitos, ao situar a nosa comunidade en posicións de liderado en indicadores como o emprendemento feminino, a afiliación de autónomas e a presenza de mulleres á fronte de iniciativas da economía social. Toca, que participou no evento Liderado e Talento Feminino organizado pola Cámara de Comercio da Coruña, puxo en valor a aposta que a Xunta seguirá a facer en 2022 con actuacións dirixidas en especial a promover a presenza das mulleres no mercado laboral e potenciar o seu liderado.

Toca remarcou o traballo que a Xunta está a facer para garantir a presenza feminina nos equipos directivos e contribuír a un liderado máis participativo na comunidade. Tal e como lembrou, as mulleres ocupan na actualidade o 25,3% das posicións en consellos de administración e “de seguro xogarán un papel moito máis protagonista no empresariado galego ao longo dos próximos anos”.

Os apoios que o Goberno galego está a brindar á iniciativa emprendedora feminina están a dar resultado, dixo Toca, quen puxo como exemplo deste compromiso programas como o Emega, que ven de cumprir os seus 25 anos nos que impulsou a creación de 1.134 negocios liderados por mulleres.

“Galicia está contribuíndo coas súas políticas públicas a afianzar o emprendemento feminino”, recalcou a directora xeral, cunha taxa de actividade emprendedora en Galicia do 6,8% fronte ao 3,7% do masculino, coa que Galicia se sitúa á cabeza do resto das comunidades, só superada por Cataluña. En outubro de 2021, ademais, o 40,91% do total das persoas afiliadas ao réxime de traballadores autónomos (RETA) e do Mar eran mulleres (fronte ao 36,12% en España). “Galicia é a Comunidade Autónoma con maior peso do emprego autónomo feminino a nivel estatal”, engadiu.

No eido da economía social, outro dos eixos estratéxicos da Xunta, a presenza da muller destaca por riba do resto das comunidades “pois o porcentaxe de mulleres ocupadas neste sector duplica a media estatal”, incidiu a directora.

Toca aproveitou a ocasión para debullar as actuacións que a Xunta desenvolverá nos próximos meses a prol da empregabilidade das mulleres. Entre o conxunto de medidas destaca o Plan Emprega Muller, con 34,4 millóns de orzamento, que incluirá actuacións de discriminación positiva e programas exclusivos para mulleres, cos que se intensificarán os apoios á formación e o impulso do talento feminino no mercado de traballo.

Mellorar as capacidades dixitais de mulleres residentes no medio rural; programas integrados de emprego exclusivamente femininos; unidades formativas para empresas con poucas mulleres nos seus cadros de persoal; e os incentivos á contratación e o relevo xeracional protagonizado por elas; son algunha das novidades coas que a Xunta afrontará o novo curso, ofrecendo unha oportunidade laboral ás mulleres galegas e impulsando o liderado feminino, insistiu Covadonga Toca.

A Consellería de Emprego e Igualdade destinará ademais á conciliación o 4% dos seus 380 millóns de orzamento, con especial atención á igualdade laboral nas empresas e á corresponsabilidade no fogar e á mellora da formación e oportunidades laborais do colectivo feminino, identificado como prioritario polo Goberno galego.