A Xunta pon en valor o talento feminino da comarca da Mariña e aposta polo medio rural para favorecer o emprendemento das mulleres como motor de cambio

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación do documental Referentes femininos na Mariña lucense realizado pola Anpa do IES Alfoz-Valadouro, que contou co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade

Destacou a importancia de seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade e de apostar por un modelo corresponsable, no que mulleres e homes compartan as responsabilidades domésticas e familiares

O Goberno galego traballa no deseño do VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes co que se reforzará a promoción de valores desde o ámbito educativo para eliminar os estereotipos que sustentan as desigualdades de xénero

Multimedia

A Xunta pon en valor o talento feminino da comarca da Mariña e aposta polo medio rural para favorecer o emprendemento das mulleres como motor de cambio
O Valadouro (Lugo), 5 de marzo de 2022.-
 
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe o talento feminino da comarca da Mariña na presentación do documental Referentes femininos na Mariña lucense, unha iniciativa que realizou a Asociación de nais e pais de alumnos (Anpa) do IES Alfoz-Valadouro e que contou co apoio económico da Consellería de Emprego e Igualdade, a través da liña de axudas destinada ás Anpas galegas para financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero.
 
No marco deste programa, que forma parte do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, a Xunta apoiou con preto de 400.000 euros os proxectos de 129 asociacións galegas en 2021, das que 23 foron da provincia de Lugo, que recibiron preto de 70.000 euros.
 
No acto celebrado hoxe, no que tamén se entregaron os premios aos nenos e nenas gañadores do calendario Nada é cuestión de xénero, López Abella avogou polo medio rural para favorecer o emprendemento feminino como motor de cambio e do progreso, e sinalou que as políticas sociais e económicas do Goberno galego van encamiñadas a avanzar na eliminación das fendas de xénero, aínda persistentes en ámbitos como o laboral, e no fomento da presenza das mulleres nas esferas de decisión e influencia das estruturas sociais, económicas e profesionais.
 
Para a secretaria xeral da Igualdade “as mulleres sumamos talento e abrimos camiño” polo que indicou que é preciso continuar traballando no fomento da creación de postos de traballo dirixidos á poboación feminina, favorecendo o emprendemento desde a innovación, con especial atención ao medio rural. É fundamental, en palabras de López Abella, apoiar o liderado feminino e a presenza de mulleres en todas as esferas da sociedade e aplicar políticas específicas para eliminar os estereotipos e roles que sustentan as desigualdades de xénero.
 
Neste senso, avanzou que a Xunta está deseñando o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para o próximo quinquenio co fin de reforzar a promoción de valores desde o ámbito educativo cara a unha igualdade real e efectiva e concienciar desde a infancia sobre a lacra da violencia de xénero. Tamén lembrou o apoio do Goberno galego ás entidades locais para o sostemento de políticas de igualdade a través do financiamento dos centros de información á muller, os programas de conciliación e a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, entre outros.
 
Para rematar, afirmou que a plena igualdade, ademais, só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no fogar. Así, sinalou que a Xunta aposta por un modelo de sociedade corresponsable no que mulleres e homes compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e familiares “no marco do necesario cambio cultural en torno aos usos do tempo”, engadiu.