A Xunta pon en marcha o proxecto ‘Sementes para a igualdade’ para dar visibilidade ao papel da muller no medio rural

Na clausura do acto participou a secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural, María Jesús Lorenzana, quen puxo en valor o esforzo e a dedicación da muller rural ao longo da historia na nosa terra

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou o primeiro vídeo da campaña durante a xornada “A vida no rural galego”, organizada por CLUN
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou o primeiro vídeo da campaña durante a xornada “A vida no rural galego”, organizada por CLUN

Ames (A Coruña), 15 de outubro de 2019.-

A Xunta pon en marcha hoxe, coincidindo coa celebración do Día da Muller Rural, o proxecto Sementes para a igualdade, que ten como obxectivo dar visibilidade e dignificar o papel feminino no medio rural.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, fixo público o primeiro vídeo desta campaña durante a xornada A vida no rural galego. O novo escenario europeo, organizada pola Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN). Precisamente, o primeiro vídeo está protagonizado por Carmen Rodríguez, vicepresidenta de Clun e coordinadora do grupo Mulleres de Seu da Cooperativa. No acto de clausura da xornada participou a secretaria xeral técnica da consellería do Medio Rural, María Jesús Lorenzana.

O vídeo presentado hoxe é o primeiro dunha serie de catro, nos que se presentarán a experiencia doutras mulleres do rural para dar a coñecer a súa historia e experiencias para manter un rural vivo e activo. En concreto, as protagonistas dos próximos vídeos serán Ana M. Corredoira, bióloga de formación e gandeira de profesión, ao fronte da súa propia granxa ecolóxica; Iria Otero, unha profesional do sec

or vitivinícola; e as as cinco mulleres do proxecto de cosmética galega Muulhoa.
Os obxectivos da campaña Sementes para a igualdade son, entre outros, promover accións que contribúan a concienciar sobre as desigualdades entre xéneros no rural; fomentar iniciativas emprendedoras de mulleres; e darlle visibilidade aos traballos das mulleres.

Protagonismo da muller no agro galego

Pola súa banda, a secretaria xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, María Jesús Lorenzana, defendeu na súa intervención o papel protagonista da muller no agro galego e avogou por seguir afondando nas políticas de igualdade neste eido, tendo en conta a súa decisiva contribución ao desenvolvemento rural, tanto dende o punto de vista económico como social e cultural.

Así mesmo, María Jesús Lorenzana puxo en valor o esforzo e a dedicación da muller rural ao longo da historia da nosa terra, un labor que –dixo– non sempre foi suficientemente recoñecido, pero que contribuíu decisivamente a preservar a personalidade propia do agro na comunidade autónoma.

Neste sentido, a secretaria xeral indicou que nos últimos tempos a situación da muller rural estase reforzando mediante o seu progresivo empoderamento e tamén grazas ao labor de asociacións como Mulleres de Seu, que fomentan a súa participación activa en diferentes ámbitos, como a formación, o asesoramento ou a mellora da súa cualificación e perspectivas profesionais.

Na mesma liña, Lorenzana destacou o reforzo da colaboración entre a Xunta e este colectivo que se puxo de manifesto recentemente nun encontro de traballo entre o conselleiro José González e a vicepresidenta de CLUN e coordinadora deste grupo, Carmen Rodríguez. Nesta xuntanza puxéronse as bases da futura cooperación entre as partes, que estará xestionada, dende a Consellería, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), por ser esta a entidade que coordina todo o relativo á formación e á transferencia de coñecementos ao agro.