A Xunta pon en marcha o programa Medrando Xuntas de impulso ao talento feminino con cursos dirixidos á economía social

A primeira edición desta iniciativa comezou hoxe en Vigo para socias e traballadoras deste sector e mañá terá lugar en Santiago un curso para directivas co obxectivo de fortalecer e desenvolver as súas competencias

Medrando Xuntas forma parte de Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar o acceso ao traballo das mulleres

O programa continuará o seu percorrido noutras cidades galegas con novas actuacións este mes e o próximo

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2017.- A Xunta vén de poñer en marcha o programa Medrando Xuntas para impulsar o talento feminino en Galicia, unha iniciativa na que participan 75 mulleres e que forma parte de Emprega en feminino, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o acceso ao traballo das mulleres.

A primeira edición deste programa comezou hoxe en Vigo cun curso de formación de 20 horas para socias e traballadoras da economía social, que se repetirá nas próximas semanas noutras cidades galegas. Así, o próximo 13 de outubro comezará na Coruña.

A actuación continuará mañá en Santiago, na Escola Galega da Administración Pública, cunha sesión dirixida, neste caso, a directivas deste mesmo sector co obxectivo de fortalecer e desenvolver as súas competencias e habilidades profesionais. Neste caso, a acción formativa é de 80 horas de duración, cas cales a metade son presenciais. Esta actuación terá lugar ata o 15 de decembro en Santiago.

Medrando Xuntas conta con contidos específicos cun dobre obxectivo: dar máis protagonismo ás mulleres para conseguir que participen máis activamente nos procesos de toma de decisión das súas entidades e potenciar as súas capacidades directivas como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional. Trátase dunha formación integral executada desde unha perspectiva de xénero participativa.

Medrando Xuntas continuará desenvolvéndose este mes e o próximo noutras provincias galegas. Na web http://eusumo.gal/medrando-xuntas-programa-formativo-para-directivas recóllese toda a información necesaria para formar parte deste programa. A inscrición aos cursos pode realizarse a través desta páxina, no correo electrónico medrandoxuntas.emprego@xunta.gal ou no teléfono 676531453.

Emprega en feminino, cun orzamento de 100 millóns de euros ata 2020, é a planificación coa que a Xunta busca desenvolver medidas que impulsen o papel da muller no mercado laboral. Cun investimento medio anual de 25 millóns, esta folla de ruta inclúe catro eixos de actuación con propostas innovadoras que faciliten a súa incorporación profesional; o seu desenvolvemento; a igualdade na empresa; e apoiar o emprendemento.

 

Tema: