A Xunta pon a disposición dos galegos 100 M€ en axudas no primeiro mes do ano para impulsar o emprego e a igualdade e loitar contra a violencia de xénero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo hoxe un balance dos apoios mobilizados nas últimas semanas e avanzou as convocatorias que se activarán nos próximos días

En materia laboral, sinalou que xa se poden solicitar as axudas dos programas Investigo e Primeira experiencia profesional nas administracións públicas, para mellorar o emprego xuvenil; e os apoios do Bono Autónomo e de impulso ao traballo por conta propia

Nos próximos días, ademais, convocaranse diversos programas entre os que destacou o Galicia Emprega que con preto de 13 millóns permitirá incentivar a contratación das mulleres, parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e a mocidade

Na área de igualdade, xa están en marcha 10 millóns de euros en apoios destinados a loitar contra a violencia de xénero e axudar ás mulleres especialmente vulnerables

Multimedia

A Xunta pon a disposición dos galegos 100 M€ en axudas no primeiro mes do ano para impulsar o emprego e a igualdade e loitar contra a violencia de xénero
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2022.-
 
A Xunta porá a disposición dos galegos e galegas no mes de xaneiro máis 100 millóns de euros en axudas para impulsar en Galicia o emprego, promover a igualdade laboral e loitar contra a violencia de xénero.
 
Ao longo do ano, esta contía irase ampliando coa convocatoria de novos apoios nestas materias. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo hoxe un balance dos programas de apoios publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas últimas semanas e avanzou as convocatorias que se activarán nos próximos días, destacando que dos 355 millóns de euros do orzamento da Consellería xa estarán dispoñibles en xaneiro máis de 100 millóns en diferentes apoios.
 
Lorenzana puxo en valor que é preciso levar a cabo “unha xestión áxil e eficaz do orzamento das axudas para que cheguen rápido aos colectivos que máis o precisan”, un labor que vai unida, segundo engadiu, ao traballo que está a desenvolver a Consellería de Emprego e Igualdade para a mellora da formación; da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes; da calidade do emprego dos galegos e galegas coa reforma, entre outros, do Servizo Público de Emprego de Galicia; e para a loita contra a violencia de xénero.
 
Na actualidade, en materia laboral, xa están abertos os prazos de solicitude correspondentes aos programas Primeira experiencia profesional nas administracións públicas e Investigo cos que se busca a contratación dunhas 1.000 persoas mozas desempregadas; e os incentivos para as altas no emprego autónomo e para favorecer a competitividade de negocios xa en marcha a través do Bono Autónomo. Todos estes programas suman máis de 44 millóns de euros.
 
As dúas iniciativas dirixidas a menores de 30 anos forman parte do Plan Emprega Xuventude, as dúas primeiras accións deste plan que se activan e co que a Xunta, a través dun investimento de 51,8 millóns de euros, está a mellorar as oportunidades laborais da mocidade galega. Con respecto ás axudas que xa se poden solicitar para impulsar o emprego autónomo, Lorenzana sinalou que financian a contratación de persoal e os investimentos en negocios para mellorar e modernizar as súas actividades empresariais.
 
Nos próximos días, ademais, en materia laboral, poranse a disposición dos galegos e galegas outros programas como son o Galicia Emprega, que con preto de 13 millóns de euros inclúe incentivos para a contratación e a formación de menores de 30 anos, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, parados de longa duración e mulleres. Tamén se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) este mesmo mes axudas para seguir reforzando a economía social, a formación das persoas desempregadas e traballadoras e impulsar as relacións laborais e a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Nesta última área destacan os apoios para promover entre pemes e autónomos a igualdade laboral, a conciliación e a RSE. Por último, en materia laboral, tamén se convocarán axudas para impulsar o emprego local.
 

Igualdade

Con respecto á área de igualdade, Lorenzana sinalou que xa están a disposición dos galegos e galegas 10 millóns de euros, un crédito ampliable para axudas ás vítimas de violencia de xénero e para apoiar ás mulleres especialmente vulnerables. Destacan os apoios aos orfos de vítimas de violencia de xénero e mulleres gravemente feridas; as axudas de prestación periódica, pagamento único e indemnizacións, tamén en materia de violencia de xénero e as axudas ás entidades locais para a contratación de mulleres vítimas de violencia machista. Así mesmo, está aberto o prazo para que as entidades de iniciativa social soliciten os apoios destinados a programas de atención integral de vítimas de trata e para mulleres especialmente vulnerables.

En definitiva, Lorenzana apuntou que a Consellería de Emprego e Igualdade está a axilizar “o máximo posible” a xestión do orzamento para que os cartos cheguen aos autónomos, ás empresas e ás mulleres que están nunha situación de debilidade, entre outros, e, doutra banda, continúa traballando no proxecto co que mellorará a xestión das oficinas de emprego e adaptará a formación á demanda do tecido produtivo.

Tema: