A Xunta participa na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do concello de Outeiro de Rei

O obxectivo principal destas Mesas é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero

Multimedia

 A Xunta participa na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do concello de Outeiro de Rei

Outeiro de Rey (Lugo), 15 de maio.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na reunión da mesa local de coordinación interinstitucional do concello de Outeiro de Rei.

O obxectivo principal destas Mesas locais de Coordinación é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero. Compete aos poderes públicos a loita para a prevención e a erradicación da violencia de xénero, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadás nun estado democrático. Neste sentido, resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero.

Xa no que se refire aos obxectivos específicos, as Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero perseguen a mellora da detección precoz de casos de violencia de xénero; optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero; ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas de violencia; mellorar a protección ás vítimas de alto risco; e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.

Ademais, no transcurso da reunión desta mañá, a Secretaria Xeral da Igualdade deu tamén conta das medidas que se están a levar a cabo dentro do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, entre as que destacou a quenda de garda psicolóxica e a quenda de garda social que se activa en sede policial.

Tema: