A Xunta participa na constitución da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero da mancomunidade de Santa Águeda

O obxectivo xeral da Mesa Local de Coordinación é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira participaron hoxe na constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero formada da Mancomunidade de Santa Águeda. O obxectivo da Mesa é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero.

López Abella destacou que compete aos poderes públicos a loita para a prevención e a erradicación da violencia de xénero, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadás nun estado democrático. Polo tanto,resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero.

López Abella destacou que é necesario que a coordinación se estenda tamén ao ámbito municipal, favorecendo medidas de coordinación a través da posta en marcha e dinamización das Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero nos municipios de Galicia, como instrumentos para optimizar a cooperación de todas as entidades implicadas neste obxectivo común, para incrementar o grao e a calidade da coordinación institucional por parte das administracións locais e autonómica, para contribuir a optimizar a accesibilidade aos recursos e as prestacións dos servizos de atención ás mulleres afectadas por situacións de violencia de xénero.

Tema: