A Xunta participa en Campo Lameiro na mesa de coordinación contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á xuntanza da segunda mesa de coordinación contra a violencia de xénero do concello pontevedrés que afondou nos recursos e medidas para sensibilizar á sociedade contra esta lacra

Destacou o papel fundamental destes órganos para a detección precoz de situacións de violencia e na resposta áxil ás mesmas

  •  A Xunta participa en Campo Lameiro na mesa de coordinación contra a violencia de xénero
  •  A Xunta participa en Campo Lameiro na mesa de coordinación contra a violencia de xénero

Campo Lameiro (Pontevedra), 29 de novembro de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na II mesa local de coordinación contra a violencia de xénero de Campo Lameiro onde se abordaron, entre outras cuestións, exemplos de boas prácticas para a sensibilización social contra a violencia de xénero e a súa prevención.
O obxectivo destas mesas, que López Abella aproveitou para valorizar, é o de promover, no ámbito municipal, políticas e actuacións de cara á erradicación desta lacra. A secretaria xeral destacou, así, o papel fundamental que desenvolven sobre todo na “detección precoz dos casos de violencia de xénero” e “na resposta áxil” ás vítimas. Non menos importante, subliñou, é a contribución destes órganos á sensibilización, no eido local, en materia de igualdade.
Nas mesas locais están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero. Para a secretaria xeral da igualdade, estes órganos constitúen exemplo da suma de esforzos das diferentes administracións, como a autonómica e a local, na prevención e erradicación da violencia de xénero. Son fundamentais, segundo expresou, para artellar medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, e tamén para procurar medios axeitados a cada caso.

Na reunión celebrada hoxe en Campo Lameiro analizáronse exemplos de boas prácticas para a sensibilización en materia de prevención da violencia de xénero e para informar dos recursos dispoñibles tanto para centros educativos, entidades asociativas ou para a mocidade, entre outros ámbitos.

É obxectivo da Xunta intensificar o traballo das mesas locais contra a violencia de xénero nos concellos que xa están constituídas e axudar á súa creación naqueles municipios nos que aínda non existen.

Esta posibilidade está aberta aos 218 concellos que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. Para favorecela, a Secretaría Xeral da Igualdade ten ao seu dispor cadanseus manuais de apoio, unha guía de carácter práctico para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; e unha segunda guía dirixida á dinamización dos órganos existentes.